martes. 24.05.2022 |
El tiempo
martes. 24.05.2022
El tiempo

O Porriño garda un minuto de silencio pola súa exalcaldesa Eva García

Un momento do minuto de silencio no Porriño. SEBAS SENANDE (Efe)
Un momento do minuto de silencio no Porriño. SEBAS SENANDE (Efe)
Veciños, a corporación local, o corpo de Policía Local e a Garda Civil renderonlle homenaxe ás portas do consistorio

Decenas de persoas reuníronse na mañá deste venres no Porriño para gardar un minuto de silencio após o falecemento da exalcaldesa Eva García de la Torre.

Ás portas da Casa Consistorial, numerosos veciños, así como a corporación local ao completo, o corpo de Policía Local e a Garda Civil renderon homenaxe á que foi alcaldesa do municipio durante seis anos e concelleira.

A exalcaldesa socialista do Porriño faleceu este xoves após sufrir un infarto. García de la Torre, de 59 anos de idade e natural de Sevilla, morreu no hospital Álvaro Cunqueiro, onde fora trasladada após sentirse indisposta e onde xa entrou en parada cardiorespiratoria. O persoal sanitario non puido facer nada e acabou falecendo.

A concelleira do grupo socialista, que tiña dous fillos, ostentou a alcaldía do Porriño desde xuño de 2015 até decembro do ano pasado, cando presentou a súa dimisión para evitar unha moción de censura que dese o poder ao PP. 

O seu xesto, finalmente, non impediu a investidura do popular Manuel Alejandro Lorenzo, xa que a candidatura da socialista Lourdes Moure non conseguiu os apoios suficientes (polo voto discordante do concelleiro de Unión Democrática da Louriña, Manuel Carreira) para que a esquerda mantivese o goberno do Porriño. 

O PSOE de Pontevedra, así como a agrupación socialista do Porriño trasladou a súa "consternación" polo falecemento da exrexedora. Así, o secretario provincial do partido, David Regades, recoñeceu que os socialistas están "en estado de shock" polo repentino desta perda. 

Pola súa banda, decretáronse tres días de loito oficial na localidade, crespóns negros e bandeiras a media hasta. Segundo trasladou a Europa Press Alejandro Lorenzo, o Concello púxose a disposición da familia para canto poida necesitar.

O Porriño garda un minuto de silencio pola súa exalcaldesa Eva García
Comentarios