O PP aclara que os datos de turismo non os elabora a Xunta

O balance, presentado polo conselleiro Román Rodríguez, procede do INE, que depende do Ministerio de Economía
Turistas no Paseo de Silgar o pasado mes de abril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Turistas no Paseo de Silgar o pasado mes de abril. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, aclara á presidenta da Deputación, Carmela Silva, que os datos da evolución do turismo que esta semana explicou o conselleiro Román Rdríguez non foron elaborados pola Xunta de Galicia, senón polo Instituto Nacional de Estatística no seu balance dos primeiros seis meses do ano.

"Non sabemos se é esa obsesión que ten por confrontar a toda costa coa Xunta de Galicia ou que ela tampouco se fía xa do Goberno de Pedro Sánchez en Madrid e pensa que pode estar Tezanos detrás destes datos", sinala Cubela. "En calquera caso, xa lle aseguramos que pode estar tranquila, que a Xunta é prudente e utiliza datos oficiais e que teñen credibilidade", engade, posto que dependen directamente do Ministerio de Economía.

Estes datos teñen máis credibilidade que ese método a ollo que utiliza Carmela Silva para valorar a afluencia de turistas

Uns datos oficiais que "de seguro teñen moita máis credibilidade que ese método a ollo que utiliza Carmela Silva para valorar a afluencia de turistas á nosa provincia. Desde logo, se está comparando o que ela está vendo estes días coas cifras que recolle o balance do INE, xa lle dicimos que mal vai, que o balance é dos seis primeiros meses do ano e estamos en agosto".

Desde o PP, piden ao Goberno bipartito da Deputación que sexan "serios", que o turismo é un dos principais motores económicos desta provincia. "Esa obsesión de Carmela Silva por confrontar coa Xunta de Galicia xa está perxudicando a esta provincia. Esta actitude pode darlle rédito político, pero desde logo, debe de recapacitar porque é a presidenta da Deputación de Pontevedra e nin o sector turístico nin os concellos sacan ningún beneficio con esta actitude".

Por iso, Cubela suxire á presidenta da Deputación que "deixe de perder o tempo cuestionando as cifras do Ministerio" e recorda que "a colaboración entre as administracións é fundamental, e de seguro que o que está esperando todo o sector".

Comentarios