domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

O PP emenda a totalidade do Orzamento provincial

Ángel Moldes, portavoz do PP na Deputación. DAVID FREIRE
Ángel Moldes, portavoz do PP na Deputación. DAVID FREIRE

Reclama que se elimine o DepoRemse, que os seus fondos se integren no Plan Concellos e que se reduza o gasto en persoal, entre outras

O grupo provincial do PP presentou este martes unha emenda á totalidade dos orzamentos da Deputación para 2019 porque "non podemos aceptar unhas contas que evidencian a burbulla na que vive o bipartito, que o illa da realidade da provincia".

Así o expuxeron os voceiros Elena Muñoz e Ángel Moldes, que criticaron que "o documento máis importante que ten que facer o Goberno da Deputación volve decepcionar a todos os pontevedreses" e "evidencia, unha vez máis, que a presidenta elabora os orzamentos sen contar cos concellos".

Moldes destacou que as alegacións do PP están feitas "tras escoitar a todas as comarcas. Nós non temos problemas en percorrer toda a provincia, por iso non presentamos as alegacións do PP, o que traemos son as alegacións dos veciños". Por iso, díxolle a Carmela Silva que "cando insulte estas propostas, non vai insultar ao PP, senón aos veciños".

Entre as alegacións dos "populares" inclúese "unha solución á confrontación directa cos alcaldes que está derivando en denuncias nos xulgados". Nesta liña, Moldes propón que se eliminen "os plans á carta feitos para favorecer aos amigos do PSOE e do BNG, como o DepoRemse ou de Reequilibro, e que se aprobaron pensando nas próximas eleccións municipais", e que esas partidas se integren no Plan Concellos.

Outras das súas propostas son aumentar en dez millóns de euros o Plan de Emprego e en cinco millóns as bolsas

Tamén propoñen a redución do gasto corrente, "que é desproporcionado e inxustificado", e que se reduza o aumento en gasto de persoal, "orixinado polo elevado número de asesores do Goberno, así como as partidas de publicidade e propaganda, que continúan aumentando", sinalou.

Con respecto ao Plan Revitaliza, o PP considera "desproporcionado" o incremento das partidas dun programa que, segundo di, "non funciona", polo que pide que se reduzan os fondos á espera de reformulalo conxuntamente cos concellos.

Os deputados do PP tamén solicitan que se inclúan no Orzamento "dúas partidas con axudas concretas" para os afectados polos incendios que asolaron parte da provincia o ano pasado e pola explosión en Paramos, Tui. Tamén pediron cartos para os colectivos veciñais, sociais e culturais "que deixaron de recibir o apoio da Deputación desde que goberna o bipartito", dixeron.

Por outra banda, os "populares" defenden a necesidade de cambiar a consignación de fondos "destinada á privatización do mantemento das estradas provinciais" para "destinalos integramente a mellorar a rede de estradas e á posta en funcionamento do Parque de Maquinaria".

Outras das súas propostas son aumentar en dez millóns de euros o Plan de Emprego e en cinco millóns as bolsas e crear "partidas específicas para a mellora das emerxencias na provincia ou para apostar de forma decidida polo turismo". "Carmela Silva converteuse nunha fonte de datos de turismo, pero faltan plans de apoio para, por exemplo, desestacionalizar o sector", criticou Muñoz.

O PP emenda a totalidade do Orzamento provincial
Comentarios