O PP pide a dimisión de Carmela Silva como presidenta da Deputación

"Xa non valen as explicacións. É culpable politicamente", asegurou a deputada do PP Elena Muñoz

Carmela Silva, este viernes. DP.
photo_camera Carmela Silva. DP.

Os deputados do Partido Popular na Deputación de Pontevedra esixiron este xoves a dimisión da súa presidenta, a socialista Carmela Silva, pola súa "responsabilidade política" no caso do "enchufe" da súa cuñada. "Xa non valen as explicacións. É culpable politicamente", asegurou a deputada do PP Elena Muñoz, que lamentou que Silva pretendese "lavar as mans" tras coñecerse a sentenza que condena a cinco anos de prisión a un alto funcionario do Concello de Vigo, cando "de inocente non ten nada".

Muñoz afirmou que a sentenza é "demoledora" e constata que no Concello de Vigo houbo "prácticas ilegais", ao contratar a unha familiar directa de Carmela Silva, tenente de alcalde en Vigo, "para facer un traballo que non facía falta".

A actuación da presidenta da Deputación foi "bochornosa", segundo a portavoz popular, que lamenta que ante esta sentenza a dirixente socialista non pida desculpas e dimita, ao entender que "é o único digno que queda agora".

A pesar diso "actúa con chulería", engadiu Elena Muñoz; un comportamento co que, ao seu xuízo, "insulta á intelixencia" dos cidadáns cando fala de "conspiracións" do Partido Popular contra ela.

Os populares aseguran que tras esta decisión xudicial o goberno da Deputación de Pontevedra está "manchado gravemente" e acusan os socialistas de traer "podremia" á institución provincial. Ante esta situación, o PP reclama que o BNG, socio de goberno dos socialistas, se pronuncie sobre o caso e deixe de "amparar" esta conduta "con tal de manterse no goberno".

Comentarios