O PP pide a dimisión de Silva: "Temos claro que todo queda na casa do PSOE"

"Hoxe máis que nunca temos claro que todo queda na casa do PSOE. Un afiliado, unha cuñada, un alcalde, unha tenente de alcalde, unha presidenta da Deputación, unha presidenta do PSdeG, e moitos cargos socialistas", indicou o portavoz Jorge Cubela
Pepa Pardo e Jorge Cubela, este xoves na rolda de prensa. DP
photo_camera Pepa Pardo e Jorge Cubela, este xoves na rolda de prensa. DP

O grupo provincial do PP volveu pedir onte explicacións a Carmela Silva e ao PSOE, que se celebre o pleno extraordinario que solicitou o PP na Deputación, así como "a dimisión de Silva e de todos os responsables políticos que puideron participar na trama" do enchufe da cuñada da dirixente provincial.

"Hoxe máis que nunca temos claro que todo queda na casa do PSOE. Un afiliado, unha cuñada, un alcalde, unha tenente de alcalde, unha presidenta da Deputación, unha presidenta do PSdeG, e moitos cargos socialistas". Así o sinalou o voceiro 'popular', Jorge Cubela, en rolda de prensa xunto á deputada Pepa Pardo, na que valoraron a petición de indulto presentada polos condenados pola citada trama.

Cubela dixo que "cheira a podre no PSOE de Vigo, no PSOE da provincia e no PSOE galego. Unha solicitude de indulto xustificándose en que é un obediente militante socialista", e criticou "o silencio de Carmela Silva e do seu partido". "Queremos explicacións do que aconteceu, quen deu as instrucións políticas", insistiu.

Para os 'populares', esa solicitude "é un insulto á cidadanía, ao sistema e ás institucións"; e denuncian que "o PSdeG indultou a Carmela Silva nomeándoa presidenta dos socialistas galegos, e agora temos que indultar xudicialmente a un condenado a máis de cinco anos de prisión".

Cubela sinalou que hai moitas cuestións sen resposta: "Quen deu as ordes para orquestrar esta trama política? Que hai detrás desta solicitude de indulto? Que mensaxe está enviando o señor Orúe con esta solicitude? Que pacto pode haber detrás? Non delatas a Carmela Silva e a cambio recibes o indulto? Ata cando Carmela Silva vai seguir abusando do seu silencio? Apoian Carmela Silva e os socialistas esta petición? Segue sendo Orúe militante socialista? Alguén tomou cartas no asunto? E a máis importante de todas, quen vai responder a todas estas preguntas".

O PP tamén se referiu ao BNG, socio de Goberno do PSOE na Deputación. "Por que en Vigo reclama unha investigación e aquí Mosquera, Lores e o BNG gardan silencio?", cuestionou. Cubela subliñou que "este nivel de corrupción é intolerable" e destacou que "só 24 horas despois de anunciar que se admitía a trámite o recurso do PP contra o impedimento de Silva para convocar o Pleno no que esixirlle responsabilidades, os condenados pola trama pedisen un indulto xustificándose na súa obediente afiliación ao PSOE".

Comentarios