Primeiras visitas en Barro e Baiona do servizo de control de residuos

Os técnicos da Deputación asesoran ós empresarios de ambos concellos no cumprimento da nova lexislación
Una persona reciclando cartón en una isla de contenedores en Pontevedra. ADP
photo_camera Illa de colectores en Pontevedra. ADP

A Deputación deu comezo ás visitas do servizo de vixilancia, inspección e control de xestión de residuos (SEVIC), ao que se adheriron xa 15 concellos da provincia (A Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cangas, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño) e que axudará aos gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación nesta materia.

En concreto, comezaron xa as visitas aos comercios de Barro e Baiona, co fin de que sexan parte activa na xestión responsable dos biorresiduos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e ao fomento de espazos más limpos e saudables para todos os seus habitantes.

A través destas visitas, que se desenvolverán ao longo das vindeiras semanas en todos os concellos adheridos, estase a proporcionar aos empresarios orientación sobre as mellores prácticas para o manexo adecuado dos residuos, así como facéndolles entrega de materiais educativos.

Ademais, tamén se pretende aproveitar as visitas para recadar información para avaliar o cumprimento da normativa, concretamente, na correcta separación dos residuos e garantir a súa recollida separada.

Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas que serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que terán a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da presunción de certeza a efectos probatorios.

A Deputación está a desempeñar un papel fundamental na promoción de prácticas sostibles co fin de reducir o seu impacto ambiental. Nesa liña, acaba de poñer en marcha unha nova web de residuos (https://www.depo.gal/es/web/residuos), na que pode atoparse información sobre os diferentes programas en marcha, o propio SEVIC, a compostaxe local, os programas de formación, a retirada de vehículos abandonados ou o programa educativo Ponte a Zero. Ademais, poden consultarse diferentes normativas neste ámbito, así como guías e manuais.

Comentarios