O PSOE pontevedrés propón como dous de Caballero a unha edila de Vigo

Suxire que os exdeputados Julio Torrado e María Pierres ocupen os postos tres e catro
Regades presidió el comité provincial que el Partido Socialista celebró este viernes en la Finca Batacos, en la parroquia de Salcedo. DAVID FREIRE
photo_camera David Regades. DAVID FREIRE

O PSOE provincial de Pontevedra propuxo á edila de Vigo María Isaura Abelairas para ocupar o número dous da candidatura do PSdeG ás eleccións autonómicas por esta circunscrición, e aos exdeputados Julio Torrado e María Pierres para o tres e o catro.  A organización provincial trasladará agora a súa suxerencia, que non é vinculante, á dirección galega, que aprobará este xoves nun comité nacional as candidaturas que serán oficiais o venres despois do visto e prace de Ferraz. 

Nun comunicado remitido aos medios, o secretario xeral provincial, David Regades, destacou que a proposta da executiva provincial, que encabeza o candidato á Xunta Gonzalo Caballero, elaborouse por "unanimidade" e despois dunha "análise ao detalle" das votacións realizadas estes días nas agrupacións locais, "á que se engadiron criterios de representación territorial".  "O resultado é unha proposta que, partindo do respecto á vontade expresada pola militancia, está tamén ben pegada ao territorio e á sociedade que queremos representar no parlamento galego", sinala Regades. 

A proposta non é vinculante e poderá ser modificada tanto pola dirección galega como por Ferraz 

Despois de Gonzalo Caballero integran, por orde, a proposta da executiva provincial os seguintes nomes: María Isaura Abelairas (Vigo), Julio Torrado (Vilagarcía), María Luisa Pierres (Pontevedra), Leticia Gallego Sanromán (Vigo), Daniel Chenlo Padín (Pontecesures), Olga Rodríguez Puga (Redondela), Paula Fernández Pena (Silleda), José Antonio Doo López (A Estrada), Francisco de Agarrades Candeira Mosquera (Ponteareas). 

Regades asegurou que a provincia de Pontevedra é o "músculo electoral" do PSdeG, polo que subliña a necesidade de "esforzarse ao máximo durante a campaña para levar a Gonzalo Caballero até a Presidencia da Xunta".

PROPOSTAS DAS PROVINCIAS. O calendario aprobado polos socialistas galegos para a elaboración das listas contempla este 26 de febreiro como a xornada na que as executivas provinciais do PSdeG trasladarán á dirección galega as súas suxestións de nomes. Con todo, estas propostas non teñen carácter vinculante e poderán ser modificadas tanto polas direccións galega como pola nacional de Ferraz. Así, prevese que este xoves o comité nacional do PSdeG aprobe as listas, que serán definitivas o venres após o visto e prace de Ferraz. 

Deste xeito, os socialistas galegos converteranse na primeira formación que configura as súas candidaturas para os comicios do 5 de abril. 

Comentarios