Que chegan os Reis Magos!

Todo listo en Pontevedra para cumprir coa tradición e recibir este venres as Súas Maxestades de Oriente. A capital da provincia prepara unha cabalgata que sairá ás seis da tarde, pero antes, a partir das once da mañá, haberá unha recepción para todos os nenos e nenas que o desexen no Pazo de Mugartegui. A ilusión invade a provincia.
Unha das carrozas que se están preparando no colexio de Parada-Campañó. SARANDESES
photo_camera Unha das carrozas que se están preparando no colexio de Parada-Campañó. SARANDESES

Chegan este venres os Reis Magos á cidade de Pontevedra e practicamente ao conxunto de localidades da provincia para pechar as festas de Nadal como manda a tradición. A gran maioría dos concellos teñen preparadas cabalgatas e outras actividades dirixidas fundamentalmente á cativada. Moitos deles, ademais, sumáronse á iniciativa que pide que se repartan caramelos aptos para celíacos. Pontevedra, Marín, Bueu e Vilagarcía son algúns dos que confirmaron que así o farían.

Pontevedra

Na capital da provincia, Melchor, Gaspar e Baltasar manterán a súa axenda habitual. Ás 11.00 horas serán recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, no Pazo de Mugartegui. Dende ese momento e ata as 13.00 horas procederán a recibir a todos os nenos e nenas que se acheguen a saudalos.

Pola tarde, a cabalgata, que inclúe a participación de seis carrozas, comezará ás 18.00 horas. Sairá da Avenida de Lugo e percorrerá Loureiro Crespo, Benito Corbal, a Praza da Peregrina, Michelena e a Praza de España, para rematar na Alameda.

Marín

Os Reis Magos chegarán ás 18.00 horas a Marín, onde serán recibidos no Concello pola alcaldesa, María Ramallo, que, como novidade, os acompañará ao balcón da Casa Consistorial para saudar a todos os presentes.

Posteriormente, ás 18.20 horas, partirá a cabalgata dende a contorna dos estaleiros Nodosa, percorrendo as avenidas de Ourense e Jaime Janer, e a rúa Concepción Arenal, finalizando no Templo Novo coa visita ao Belén Vivente da Asociación Cultural Os da Caña e o saúdo a toda a rapazada e asistentes en xeral. En caso de chuvia, os actos limitaranse á visita á igrexa e o saúdo ás crianzas neste recinto.

Bueu

En Bueu, as Súas Maxestades de Oriente chegarán ás 11.00 horas ao porto en embarcacións tradicionais da Asociación Cultural Os Galos, sendo recibidos polo alcalde, Félix Juncal, e por diversas autoridades. Pola tarde, a gran cabalgata de Melchor, Gaspar e Baltasar comezará ás 17.00 horas, percorrendo o centro urbano e rematando no Concello, como xa é tradición.

Cerdedo-Cotobade

Nesta xornada celebrarase a tradicional Cabalgata de Reis, que fará un percorrido por todo o municipio para saudar todos os nenos e nenas, aínda que pode sufrir algunha variación con respecto ao horario previsto por mor da inestabilidade meteorolóxica. A visita dará comezo a partir das 10.00 horas polas parroquias de Cotobade e continuará pola tarde, a partir das 17.00 horas, coa visita ao Centro de Día-Fogar dos Maiores e a recepción na Praza do Concello. O percorrido rematará a última hora da tarde no CEIP de Cerdedo. Ao remate haberá chocolate e rosca.

Sanxenxo

Máis de 600 quilos de caramelos se repartirán este venres na Cabalgata de Reis que está previsto que saia ás 16.30 horas da lonxa de Portonovo e chegará arredor das 18.00 horas ao Ice Park de Sanxenxo. A comitiva percorrerá Rafael Picó e a Avenida de Galicia para logo meterse por dirección contraria por Punta Vicaño e o Paseo de Silgar. As Súas Maxestades viaxarán, se o tempo o permite, en Mustangs convertibles para desprazarse polas rúas do concello saudando ás familias mentres que os paxes o farán a lombos de cabalos. O Tren Mago pechará a comitiva con nenos de Sanxenxo gañadores do sorteo que se fixo polos colexios.

A Lama

A cabalgata da Lama dará comezo ás 17.30 horas e percorrerá o centro da localidade. A carroza real irá acompañada dunha batucada. Rematará no Multiusos, onde os Reis recibirán ás crianzas do concello que se acheguen a saudalos.

Soutomaior

Nesta xornada Soutomaior recibirá a visita das Súas Maxestades os Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán, ás 11.00 horas, á Casa do Concello, e pola tarde, a partir das 17.00 horas, terá lugar o Desfile de Reis para o goce dos máis pequenos da casa. Irá dende o Calvario ata Talo Río. Final de Festa cos Cantos do Bando de Reis de Arcade de Riba.

Barro

En Barro, a partir das 17.30 horas, as Súas Maxestades de Oriente recibirán no Pazo aos nenos e nenas do concello acompañados do grupo de baile Amor Ruibal. Posteriormente haberá un pasarrúas ata a Nave da Música coa actuación de DJ Moe, que se ocupará do final da festa.

Cuntis

Os Reis Magos percorren este venres Cuntis a partir das 18.30 horas, culminando a súa visita na Praza da Constitución, onde terá lugar a recepción real.

Moraña

A tradicional Cabalgata de Reis Magos percorrerá todas as rúas de Moraña. A saída do percorrido terá lugar ás 16.00 horas do Campo de Lebón.

Vilagarcía

Unha comitiva composta por máis de 600 persoas acompañarán este venres, desde as 19.00 horas, aos tres Reis Magos durante a súa estancia en Vilagarcía. Melchor, Gaspar e Baltasar repartirán tres toneladas de caramelos sen glute para adozar a xornada. O itinerario partirá da Praza da II República para acabar, como de costume, na Praza do Concello, onde tras a cabalgata os Reis atenderán aos nenos e nenas que o desexen.

Cambados

A cabalgata de Cambados estará conformada por catro carrozas. Contará coa animación dos Bechos e coa música de seis grupos. O roteiro sairá ás 18.30 horas da escalinata de San Tomé para rematar en Fefiñáns. Previamente, ás 15.30 horas, terá lugar a recepción real ata as 16.30 horas no Auditorio Municipal. Os Reis Magos repartirán máis de 600 quilos de caramelos. A maiores, pola mañá farán o seu tradicional percorrido polas parroquias a bordo do Pavitrén.

Lalín

Máis dun cento de persoas entre cabaleiros, lanceiros, guerreiros e pastores participarán na Cabalgata de Reis deste venres en Lalín, que dará comezo ás 18.00 horas, con saída da rúa da Banda. Formarán parte dela cinco carrozas conducidas por distintos talleres da zona (Maxideza, Toimil, Jomabe e TLM). Así mesmo acompañarán a Cabalgata seis bolboretas de luz e baile; o grupo de baile Alba Iglesias e o equipo de Eduvía con monitorado que se encargará de coidar á cativada participante.

A Estrada

As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente estarán tamén no Concello da Estrada. A cabalgata sairá ás 18:00 horas acompañada da música da Banda Municipal da Estrada, do Obradoiro de Música moderna Carlos Barruso e da Banda de Gaitas de Barbude. Está previsto que o percorrido se inicie no centro de saúde da localidade e que remate na Praza do Concello.

Comentarios