Rías Baixas reivindica a potencia turística

O presidente da Deputación subliña na gala provincial do sector o liderado de Pontevedra e resalta a "excelencia, sustentabilidade e as experiencias 100%" que ofrecen cada vez máis empresas adicadas á atención dos visitantes
Nava Castro, Luis López e Luisa Sánchez con representantes das entidades que recibiron o distintivo de 'Compromiso de Calidade Turística' na Gala Provincial do Turismo celebrada en Vigo. DP
photo_camera Nava Castro, Luis López e Luisa Sánchez con representantes das entidades que recibiron o distintivo de 'Compromiso de Calidade Turística' na Gala Provincial do Turismo celebrada en Vigo. DP

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este mércores as Rías Baixas como unha potencia turística de primeiro nivel pola calidade dos seus servizos, os atractivos para o visitante, a fortaleza da súa natureza e a súa auga e pola folla de ruta cara á sustentabilidade, factores todos eles polos que Lopéz falou dun "futuro prometedor rexido por un novo plan estratéxico para o turismo".

Fíxoo durante a celebración da Gala Provincial do Turismo celebrada no Pazo Los Escudos de Vigo, na que case 182 entidades relacionadas co sector renovaron ou adquiriron por primeira vez o distintivo de Compromiso de Calidade Turística do Sistema Integral en Calidade Turística Española en Destino (Sicted), do que forman parte preto de 400 entidades da provincia. "O turismo é a industria da felicidade e as entidades que acaban de ser distinguidas con este selo representan a elite dun sector que tira da nosa economía", afirmou o mandatario provincial.

O titular do goberno provincial aproveitou o encontro cos profesionais do sector na provincia para avanzar un novo paso adiante na tramitación do citado plan estratéxico para o turismo, que pasa pola convocatoria das mesas de traballo a finais deste mes de abril para a redacción do documento para "tender pontes" co tecido empresarial e asociativo do turismo na provincia.

A gala, á que asistiron, ademais da vicepresidenta Luisa Sánchez e a deputada de Turismo Nava Castro; os deputados José López, María Ramallo, Isabel Couselo, Alejandro Lorenzo, Roberto Álvarez, Marcos Guisasola, Javier Tourís e Jesús Vázquez Almuíña; estivo conducida pola xornalista Susana Pedreira e contou coas actuacións da bailarina Eva Comesaña, así como dos grupos musicais Xurxo Fernandes e Pan sen Fron e Eladio e os Seres Queridos. "Temos un sector competitivo, comprometido coa calidade e firmemente implicado para potenciar a excelencia das Rías Baixas como destino turístico", afirmou a deputada Nava Castro na apertura do acto.

Baixo a mirada de representantes de boa parte dos concellos, de membros das entidades do sector coas que colabora a Deputación e persoas do tecido empresarial e asociativo da provincia, foron entregándose os galardóns cunha estrutura dividida en sete bloques temáticos relacionados con algúns dos atractivos turísticos da provincia, como a costa, a natureza, o deporte, a gastronomía, a historia, o termalismo ou as celebracións. En concreto, son 182 as entidades que xa locen estes distintivos do Sicted no seu currículo, das cales 24 conquistárono este ano por primeira vez.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, durante a súa intervención na Gala Provincial do Turismo. DP
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, durante a súa intervención na Gala Provincial do Turismo. DP

"As Rías Baixas somos nós", defendeu Luis López para resumir a fortaleza da provincia de Pontevedra como potencia turística. "A diferenza do resto de persoas, nós non imos ao destino, porque nós xa somos o destino. Representamos con orgullo un estilo de vida, unha forma de estar no mundo e un sentimento de pertenza a un territorio singular, hospitalario e infinito. Pontevedra é desfrutar", explicou o presidente citando "experiencias 100% Rías Baixas" como camiñar pola area branca da praia de Rodas, un solpor na Lanzada, as camelias de Soutomaior, unha xuntanza familiar cun viñedo de fondo, un brinde con albariño desfrutando da gastronomía local ou un recordo dalgún festival do RiasBaixasFest.

Neste sentido, o dirixente provincial agradeceu o traballo do sector para axudar a descubrir "quen somos, como somos e que nos diferencia dos demais a través dos ollos impresionados de tantos viaxeiros".

A sustentabilidade do destino foi outro dos aspectos que remarcou Luis López como elemento diferenciador, identificador e decisivo para as Rías Baixas. "Para nós a sustentabilidade non é unha moda nin un concepto baleiro, é unha necesidade. E cada vez que apostamos por ela recibimos datos que nos din que imos na boa dirección", sinalou facendo referencia á provincia con máis distintivos Q de Calidade e Sicted de España, aos récords en números de peregrinos, ao incremento de visitantes no Museo de Pontevedra ou nos castelos de Soutomaior e Sobroso ou á consecución de sete estrelas Michelin, ser noticia en National Geographic ou ser o destino favorito en Booking.

Unha riqueza natural na que a auga, fío condutor da campaña de turismo da Deputación de Pontevedra, xoga un papel fundamental. "A auga é un patrimonio que nunca podemos dar por feito. Nin sequera cando cae en abundancia como nestes últimos meses. Se ten que ser un reto, que sexa sempre pola abundancia e nunca pola escaseza, como ocorre por desgraza noutras partes de España. Para nós a auga é unha oportunidade", proclamou o presidente facendo un chamamento colectivo á responsabilidade social para "valorar e coidar" esta riqueza como realmente merece.

Comentarios