Roteiros literarios: a nova fórmula para as rutas polos cemiterios históricos da provincia

As visitas guiadas serán por tres camposantos singulares: o de San Mauro, en Pontevedra, Santa Mariña de Dozo, en Cambados, e o Pereiró de Vigo
 

Unha das visitas guiadas ao cemiterio de San Amaro de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha das visitas guiadas ao cemiterio de San Amaro de Pontevedra. RAFA FARIÑA

A Deputación de Pontevedra poñerá en marcha este mes de outubro, por segundo ano consecutivo, unha serie de roteiros por cemiterios históricos da provincia. Como novidade, nesta edición as visitas estarán centradas no patrimonio literario e artístico.

O fío condutor serán personaxes da literatura e do mundo das artes, relacionados con cada un dos camposantos, que van ir guiando os distintos roteiros para coñecer máis polo miúdo cada un deles.

A iniciativa vaise desenvolver en tres cemiterios: o de San Mauro, en Pontevedra, o de Santa Mariña de Dozo, Cambados, e o de Pereiró, Vigo. As visitas serán os domingos 21 e 28 de outubro e comezarán ás 11.00 horas da mañá na entrada de cada camposanto.

Os roteiros son completamente gratuítos, iso si, haberá un número limitado de 25 persoas por grupo, debido ás especiais características dos lugares que se visitan. 

As persoas interesadas poderán reservar praza a partir deste venres enviando un correo electrónico a [email protected]. As entradas iranse adxudicando por orde de inscrición ata completar aforo.

Neste correo, débese indicar o número de persoas que queren ir co seu nome e apelidos (máximo de 4 por cada reserva), que día e que ruta escollen e un teléfono de contacto.

Tal e como destacou a presidenta Carmela Silva, esta iniciativa enmárcase na estratexia da Deputación de abrir proxectos para desestacionalizar o turismo na provincia e “para poñer en valor o noso patrimonio e a nosa cultura".

"Preténdese poñer en valor así un atractivo máis dos que se poden atopar na provincia de Pontevedra, que ademais se potencian fóra da temporada na que se soen recibir máis visitantes", asegura Silva.

Comentarios