Roubo en plena homenaxe aos represaliados no cemiterio de Ponte Caldelas

Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil, que desprazou á zona a unha patrulla para inspeccionar o turismo afectado

Axentes da Garda Civil inspeccionando o turismo asaltado. GONZALO GARCÍA
photo_camera Axentes da Garda Civil inspeccionando o turismo asaltado. GONZALO GARCÍA

A emotiva homenaxe que o colectivo Somos Ponte Caldelas organizou en memoria dos represaliados polo franquismo quedou empañada por un suceso totalmente inesperado. Uns descoñecidos aproveitaron a celebración do acto, que tivo lugar no cemiterio municipal da vila do Verdugo, para roubar no interior do vehículo dunha das persoas que se atopaba no evento.

Según precisaron fontes da agrupación local, o delito produciuse entre as 11.00 e as 12.00 horas. Os descoñecidos romperon unha das fiestras do automóbil e leváronse un bolso, que apareceu tirado pouco despois nas inmediacións da rotonda de Parada. No seu interior ficaba toda a documentación da súa propietaria e mesmo o seu teléfono móbil. Os ladróns leváronse todos os cartos en efectivo.

Os feitos foron denunciados ante a Garda Civil, que desprazou á zona a unha patrulla para inspeccionar o turismo afectado. O Instituto Armado recoñece que non é o primero caso deste tipo que se ten producido en Ponte Caldelas. Hai unhas semanas tamén se rexistrou un roubo nun vehículo aparcado nas proximidades do camposanto. As autoridades recomendan aos veciños que non deixen á vista obxectos de valor cando estacionan os seus automóbiles.

Polo que respecta ao acto, Cándido Picanzo foi o encargado de ler o manifesto no que se lembrou ás persoas que sufriron persecución e reclamouse "a reivindicación da verdade, a xustiza e reparación para as vítimas esquecidas por parte da historia do noso país. Non podemos nin debemos esquecer aos nosos represaliados, ás vitimas que pagaron coa súa vida a criminalidade e o inmisericorde réxime franquista. Como esquecer? Acaso podemos esquecer ao noso poeta máis querido e universal como Federico García Lorca?", preguntouse.

Para finalizar o acto a presidenta de Somos Ponte Caldelas, Milagros Domínguez, e o propio Picanzo procederon a descubrir a placa conmemorativa e a depositar un ramo de flores "semprevivas" a fin de honrar a memoria de todos aqueles veciños de Ponte Caldelas "que sufriron inxusta persecución nos anos da ditadura franquista".

Comentarios