Salvaterra e Nigrán decretan dous días de loito oficial polo falecemento dunha muller e os seus fillos

As bandeiras ondearán a media hasta en tódolos edificios municipais
Accidente en Salceda de Caselas. SXENICK (EFE)
photo_camera Accidente en Salceda de Caselas. EFE

Os municipios de Salvaterra de Miño e Nigrán (Pontevedra) decretaron este sábado dous días de loito oficial polo falecemento dunha muller e os seus dous fillos, orixinarios destas localidades, nun accidente que tivo lugar este venres en Salceda de Caselas (Pontevedra).

Nun comunicado, o Concello de Salvaterra de Miño explicou que as tres forzas políticas con representación na corporación local, PP, PSOE e BNG, mostraron o seu pesar "pola triste noticia da morte de tres veciños do municipio por mor dun fatídico accidente de tráfico" e trasladaron as súas condolencias e "todo o seu apoio" aos seus familiares. Ademais, acordouse decretar na localidade dous días de duelo oficial, este sábado e este domingo, durante os que as bandeiras ondearán a media hasta en todos os edificios municipais.

Pola súa banda, o Concello de Nigrán lamentou o falecemento desta muller, orixinaria da parroquia de San Pedro da Ramallosa deste municipio, e os seus dous fillos e trasladou o seu pésame aos seus familiares e amigos. Tamén declarou dous días de loito oficial na localidade.

Os feitos tiveron lugar en Salceda de Caselas na noite deste venres, cando o coche no que viaxaban unha muller de 38 anos, a súa filla de 13 anos e o seu fillo de 6, todos eles veciños de Salvaterra de Miño, chocou con outro vehículo.

Como consecuencia, a muller, orixinaria de Nigrán, e os seus dous fillos menores faleceron, mentres o condutor do outro vehículo implicado no sinistro resultou ferido de gravidade e foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Segundo detallou a Europa Press a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, o pai dos menores era o propietario dunha coñecida cadea de panadarías da zona. Ademais, indicou que a última hora da tarde deste sábado os corpos serán trasladados a un tanatorio de Ponteareas (Pontevedra).

Comentarios