A Xunta de Galicia continúa a traballar para garantir aos veciños e veciñas dos concellos que forman parte da provincia de Pontevedra un transporte público de calidade. O obxectivo é continuar mellorando e ampliando a oferta, ao tempo que se incide tamén na posta a punto de infraestruturas, sen esquecer outras cuestións, como é a chega de incentivos económicos e descontos para os usuarios e usuarias.
Os resultados desta aposta pola mellora do transporte por parte da Administración autonómica xa se están a ver. Así, segundo os datos que manexa o Goberno galego, a demanda deste servizo de titularidade autonómica na provincia experimentou un incremento do 18% durante o primeiro semestre de 2023 (xaneiro - xuño). En total, contabilizáronse 923.736 persoas usuarias nesa franxa, o que supón un crecemento importante con respecto ao mesmo período do ano pasado. No que se refire á área de influencia da capital de provincia, este aumento ascende ata o 24% nese mesmo período, o que se traduce en 378.805 viaxeiros e viaxeiras a maiores con respecto a 2022. Estes datos recóllense dos servizos que se prestan nos concellos da contorna, como son, ademais de Pontevedra, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Sanxenxo, Soutomaior e Vilaboa.
Este crecemento no número de usuarios e usuarias é acorde coa demanda que se rexistra a nivel de toda Galicia. E é que o transporte público xestionado pola Xunta de Galicia superou os 18 millóns de viaxeiros e viaxeiras nos primeiros seis meses do actual 2023, elevándose nun 17% con respecto ao ano pasado. O Goberno autonómico vén apostando con determinación por esta prestación, como así o demostran os investimentos realizados para a súa mellora. A Xunta achega preto de 100 millóns de euros ao ano para o mantemento do transporte público autonómico, o que equivale a 30.000 euros diarios de media.
A mobilización destes investimentos permite á Xunta de Galicia manter operativos unha serie de incentivos adicionais, como son os descontos que se poden conseguir mediante a utilización da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG). Neste apartado tamén habería que engadir algunhas bonificacións que poden chegar ata o 50% das tarifas.
A Xunta achega preto de 100 millóns ao ano para o mantemento do transporte público autonómico, o que equivale a 30.000 euros diarios de media
Desde a Administración autonómica lémbrase que as persoas interesadas en facer uso do transporte público poden consultar toda a información de interese na páxina web www.bus.gal. Neste espazo, asemade, tamén se inclúe un apartado no que os usuarios e usuarias poden deixar constancia de suxestións que consideren, así como advertir de posibles incidencias vencelladas ao transporte público.
Tarxeta xente nova
A Xunta de Galicia recorda que a día de hoxe fica activa a tarxeta Xente Nova. Actualmente uns 150.000 menores de 21 anos viaxan de xeito gratuíto no transporte de titularidade autonómica polas catro provincias galegas, grazas a esta iniciativa. Estímase que a media anual de aforro por mes no que vai de 2023 está próxima ao medio millón de euros.
No que se refire exclusivamente á provincia de Pontevedra son case 53.000 os mozos e mozas que contan xa coa tarxeta Xente Nova. De todos eles, 10.492 corresponden aos concellos da área de influencia de Pontevedra. Por municipios, foron expedidas 5.648 pases en Pontevedra, 2.147 en Marín, 841 en Poio, 360 en Soutomaior, 295 en Vilaboa, 212 en Ponte Caldelas, 68 en Campo Lameiro e, finalmente, un total de 73 no termo municipal de Cerdedo-Cotobade.
Campaña Móvome
O Goberno autonómico continúa a poñer en marcha diferentes iniciativas, co claro obxectivo de continuar fomentando a utilización do transporte público, de xeito que as cifras do semestre actual sigan a ser tanto ou máis positivas. Unha das últimas acción levadas a cabo desde a máxima institución galega para divultar os beneficios deste sistema é a campaña Móvome. Trátase dunha proposta que se puxo en marcha a principios deste mes de setembro e que ten como meta principal meta acadar a consolidación dun modelo de mobilidade que resulte máis sostible, máis accesible e cun importante aforro económico para toda a cidadanía galega.
A campaña caracterízase por apostar en potenciar unha imaxe moderna e fresca do servizo, de xeito que se consolide como un camino de presente e de futuro. Así, a Administración autonómica incide na importancia de incentivar o uso do bus, especialmente entre na xente moza, ata consolidar este servizo como unha alternativa sostible de mobilidade máis segura, limpa e accesible. O que se pretende é traslar o traballo feito para a súa renovación en Galicia, así como a mellora das infraestruturas, ao tempo que se divulgan os beneficios concretos que ofrece o sistema de transporte xestionado pola Xunta de Galicia.
Case 150.000 menores de 21 anos viaxan gratis grazas ao uso da tarxeta Xente Nova
Obxectivos
O Goberno galego lembra, asemade, a importancia que ten este tipo de transporte por outras razóns, como é o contexto climático, xa que cómpre reducir os niveis de contaminación, algo que se pode acadar facendo un maior uso do servizo e limitando a utilización do vehículo particular. Ademais, está a dispersón da poboación, que require dunha oferta de servizos que garanta a mobilidade e, por último, o encarecemento dos combustibles, un aspecto que na actualidade está a cobrar unha gran importancia, debido ao contexto global.
Por último, e con respecto á dispersión xeográfica, a máxima Administración autnómica é consciente de que son moitas as persoas que non dispoñen de automóbil particular, polo que se fai preciso poñer á disposición da cidadanía un servicio reforzado e que garanta o cumprimento das necesidades dos veciños e veciñas galegos.
Tendencia á alza
De feito, o pasado venres 15 de setembro foi o día no que se rexistraron maior número de viaxeiros desde que está en marcha o Plan de Transporte Público de Galicia, con 153.293 usuarios, o que requiriu 200 autobuses máis que o ano pasado nese día, no que xa se tiñan habilitados reforzos. Ante o crecemento da demanda, a Xunta xa ten emprazado ás concesionarias do transporte público a que se anticipen e teñan previsto a disposición de servizos necesarios co obxectivo de atender a demanda xerada co inicio do curso escolar.