A UVigo garante unha solución técnica para evitar a fenda dixital

O reitor insiste nunha misiva ao alumnado a intención de rematar o curso «con éxito» nas datas previstas coa reprogramación docente
Alumnado na facultade de Ciencias da Educación. ARQUIVO
photo_camera Alumnado na facultade de Ciencias da Educación. ARQUIVO

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, enviou unha misiva ao alumnado na que lle reafirma que a intención é sacar adiante o curso "con éxito" nas datas marcadas, segundo informou este domingo o Duvi.

Para lograr este obxectivo, lembra que toda a comunidade universitaria está a realizar un grande esforzo para adaptarse nun tempo récord a un novo modo de ensinanza e que, se ben "aínda non é posible afirmar con seguridade que non vaiamos ter clases presenciais na segunda quincena de maio", esta posibilidade semella xa "altamente improbable", polo que, para que o cuadrimestre remate do mellor xeito posible, desde o equipo de goberno están a traballar para ter organizada a docencia non presencial á volta de Semana Santa.

O traballo organízase en dez liñas de actuación prioritarias. A primeira vai dirixida a solucionar os problemas derivados da fenda dixital, polo que estes días se porá en marcha unha solución técnica que permitirá que ninguén quede fóra da reprogramación do curso académico.

A posta en marcha das aulas virtuais de Campus Remoto e o reforzamento da plataforma Faitic son outras dúas actuacións básicas para «seguir cunha docencia o máis semellante posible á docencia presencial. Así mesmo, está previsto que se graven as clases en Campus Remoto para "aquelas persoas que teñan dificultades de conexión ou que non poidan utilizar o ordenador nas horas das clases". Tamén se lle recomendou ao profesorado non cargar ao estudantado con máis traballo do que tería na modalidade presencial, "senón procurar que se acaden as competencias das materias".

AVALIACIÓN A DISTANCIA. Na súa misiva, o reitor tamén afonda nun dos aspectos que máis lle preocupa ao alumnado e que se refire ao sistema de avaliación que se lle vai aplicar. Indicou que se están a analizar distintos medios tecnolóxicos para realizar exames a distancia coas suficientes garantías. "Non está claro que non vaiamos poder realizar exames presenciais, pero estamos tentando cubrir todas as posibilidades".

De cara a tranquilizar ao alumnado, o principal responsable da UVigo tamén garante que se facilitará o máximo posible os procedementos de lectura dos traballos de fin de grao e de fin de mestrado, así como as prácticas en empresa. A regorganización das guías docentes para adaptalas á situación actual; a organización de grupos de traballo específicos para coordinar todos os temas docentes e a publicación de distintas instrucións para a organización do teletraballo do persoal, son outros aspectos nos que o reitor tamén fai fincapé.

Comentarios