A PO-308 ao seu paso por Poio é un punto no que os atropelos non son algo illado. Tratase dunha rúa na que non existen pasos de peóns nin semáforos que permitan aos veciños poder cruzar a rúa sen medo.
A Xunta xa está a levar a cabo o proxecto de mellora da seguridade vial nese punto co fin de evitar que os atropelos sexa algo tan común.
Pero a pesar de que o proxecto xa está en marcha, os veciños demandan solucións máis rápidas posto que o perigo aínda segue presente.
Como en anos anteriores, os poienses reuniranse este venres ás 21 horas nunha manifestación que recorrerá os apenas 200 metros que van dende o camiño da Bouza ata a praia de Ouriceira. O percorrido pasará polos puntos onde faleceron ao longo dos anos cinco persoas atropeladas ao intentar cruzar a rúa. María Barcia, veciña do lugar, fala sobre estes atropelos e afirma que "temos motivos suficientes para poñela como punto negro da PO-308". Ademais, esta veciña asegura que non só hai que contar as mortes, xa que alí xa houbo varios atropelos.
Ao seu paso por Poio a PO-308 non conta con pasos de peóns ou semáforos
Con esta manifestación os veciños reclaman que se pinten varios pasos de peóns dos que, polo menos un, conte cun semáforo. Ademais, tamén reclaman que se reduza a velocidade máxima da vía de 70 kilómetros por hora a 50 co fin de facer que os atropelos, en caso de habelos, non sexan tan graves.
ÚLTIMO ATROPELO. Sen ir máis lonxe, o último atropelo ocorreu o pasado xoves preto da praia de Ouriceira. No seu intento por cruzar a rúa un neno de nove anos foi atropelado. O pequeño, que estaba acompañado pola súa nai, recibiu un golpe na cabeza que necesitou de puntos de sutura. Ademais, a causa de caer sobre o asfalto rematou con varios arañazos polo corpo. María Barcia, testemuña do suceso, afirma que "tivo moita sorte de que non lle pasara nada máis".