Vilagarcía e Ponte Caldelas permiten as fogueiras particulares baixo petición

Hai que solicitar o correspondente permiso nos próximos días
Hoguera de San Juan. DAVID FREIRE
photo_camera Hoguera de San Juan. DAVID FREIRE

Tal e como se acordou no seo da Mancomunidade do Salnés para os municipios membros, o Concello de Vilagarcía soamente autorizará a organización de cachadas en terreos particulares e supeditando a súa celebración ao cumprimento das normas de distanciamento e aforo que diten as autoridades e que estean en vigor nese momento. Os interesados deberán solicitar o correspondente permiso ante o Concello e dispoñen de prazo ata o 18 de xuño.

Os particulares que desexen organizar unha cachada nos seus terreos deberán solicitar previamente a autorización do Concello, cubrindo o formulario que poderán atopar no taboleiro de anuncios da web municipal e envialo ao enderezo de correo electrónico [email protected]

Os locais hostaleiros que desexen facer barbacoas tamén deberán contar co permiso municipal e cumprir as normas de aforo e distanciamento en vigor no momento da celebración. O Concello publicou este xoves o bando para informar das normas que rexerán a organización das fogueiras para as datas de San Xoán e San Pedro.

PONTE CALDELAS. Todos os particulares que desexen facer unha fogueira de San Xoan ou San Pedro no concello de Ponte Caldelas deben comunicalo antes do venres 19 de xuño. A comunicación pode presentarse a través da sede electrónica (pontecaldelas.sedelectronica.es) ou no Rexistro do Concello solicitando cita previa no teléfono 986 750 013 extensión 1.

Segundo aclarou o Concello, este ano só se poderán celebrar as fogueiras tradicionais de particulares en fincas privadas, pois neste momento a saúde e a seguridade "son a prioridade". Quen desexen realizar a fogueira deberán contar coas correspondentes medidas de seguridade e a finca debe estar perfectamente acondicionada.

Comentarios