Xesús, María e Xosé veñen da motoserra

Arcade reivindica o Nadal cun nacemento de madeira a tamaño real feito polo escultor con motoserra Marcos Mariño

Belén de Arcade. RAFA FARIÑA
photo_camera Belén de Arcade. RAFA FARIÑA

CREN vostedes que o espírito navideño se pode medir? E, de ser así, cal consideran que sería forma de facelo? Uns propoñen que para saber se un lugar ten suficiente ambiente de Nadal se divida a cantidade de euros gastada na decoración por metro cadrado de cidade e se engada un cero ao resultado. Hainos tamén que consideran que, cos tempos que corren, nada se pode medir sen facer un estudio de impacto nas redes sociais. Máis aló da palabra do hastag coa que se queira etiquetar, ninguén parece dubidar de que "hoxendía" o ambiente navideño se pode considerar tal só se se vai cuantificar en lúmens, luxes e candeas. É dicir, nas unidades de medida propias da iluminación, esas que noutrora só empregábamos para ler a potencia das bombillas da cociña xusto antes de compralas, nos liñais do supermercado.

O caso é que nestes tempos nos que nada existe se non podes metelo nun selfi, captalo co teu móbil e compartilo nas redes sociais, o Concello de Soutomaior acaba de protagonizar un desmarque dobremente monumental ao instalar no centro de Arcade -o punto máis visible de toda a vila- un belén a tamaño real totalmente singular.

Para comezar, non brilla. Ademais, as tres figuras que o compoñen non teñen enchufe, pila, batería, placa solar ou sistema enerxético algún. Non se moven. Delas non sae música e as súas facianas non soltan prenda nin emiten destellos de ningún tipo.

Polo tamaño das pezas, houbo que facelas ao aire libre e as chuvias de inicios de mes complicaron algo o proceso

¡Tampouco se atopou purpurina, brillantina ou atisbo de coloríns nas súas superficies. Vamos, que son esculturas tradicionais. Por se fora pouco, nin de pedra, nin de "inox", nin de aceiro corten, senón de madeira. Desa mesma que pode mollarse, inchar, apolillarse, cambiar de cor, agretar, botar verduxo e cambiar co paso do tempo.

A proposta sorprende, non fai falla a estas alturas insistir, polo extemporáneo que sona iso de encargar tallas de madeira e exhibilas para que as admire a xente tal e como son e simplemente polo que representan.

Pero detrás deste conxunto escultórico que luce desde a semana pasada na Praza da Ostra hai tamén unha historia e un autor que é o primeiro en falar sobre o poder icónico do que acaba de facer. "Non son bólas, arcos, nin nada diso.Son Xesús, a Virxe e Xosé. Non todo van ser luces, non? Hai que reivindicar tamén as representacións tradicionais do Nadal", reflexiona Marcos Mariño.

Este escultor residente en Soutomaior é coñecido en toda España e tamén no circuíto internacional por ser un dos poucos figuristas con motoserra que existen no país e por competir a nivel internacional en concursos de habilidade desta disciplina.

"A idea é poder poñer unhas pezas novas cada ano ata ter un nacemento completo"

E iso que quere dicir? Pois que os traballos de Marcos -tamén este conxunto de belén a tamaño real- se realizan sempre con motoserras específicas para este tipo de tarefas. No caso do Nacemento, por exemplo, sorprende a calidade do traballo, con pezas orixinais de madeira de piñeiro de menos de dous metros e un diámetro de entre 80 e 60 centímetros.

Marcos confesa que tardou algo máis dunha semana en ter as tres tallas acabadas. Certo que as motoserras son máis áxiles que calquera outra ferramenta manual da escultura tradicional. Marcos, para que o saiban, non sempre foi "armado" cunha Husqvarna, un peto acolchado e unhas gafas de proteción. Nos seus inicios foi un escultor convencional, formado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo, e, de feito, non esqueceu as artes dese oficio.

Para o caso das tallas de San Xosé, a Virxe e o Neno Deus, tamén tivo que recurrir a eses coñecementos. "O 98 por cento de cada peza fíxose con motoserra, pero, iso, sí, con distintos tipos de serra para poder afinar. Despois, nos casos do Neno Xesús, e da Virxe María, tiven que botar man das gubias e facer algo de talla tradicional, porque o que se pretende é dotar de certa dozura as súas expresións e iso, coa motoserra, nalgunhas ocasións é complicado".

Non foi a única dificultade. Polo tamaño das pezas, houbo que facelas ao aire libre e as chuvias de inicios de mes complicaron algo o proceso. A Virxe estaba escondida nun tronco de piñeiro cortado nesta mesma comarca que tiña uns 80 centímetros de grosor e uns dous metros de alto. Ela foi a peza máis difícil. "Está sentada e contorsionada, os brazos apuntan a outra dirección e a cara tiña que ser doce", explica o autor, que espera que este traballo poida ter continuidade.

"A idea é poder poñer unhas pezas novas cada ano ata ter un nacemento completo. Polo menos estaría ben poder incluír aos tres magos. Nese caso estariamos falando dun traballo complexo, ao incluír os camellos a tamaño real", confesa o escultor, sen agochar a ilusión de poder ver como medra esta gran idea iniciativa no corazón do seu querido Arcade.

Comentarios