Os xulgados de Caldas conmemoran as primeiras sentenzas ditadas en galego

Os tres letrados impulsores, colegas de profesión e alcaldes da zona participan no acto organizado por Irmandade Xurídica Galega

Descuberta da placa no vestíbulo do xulgado caldense. CEDIDA
photo_camera Descuberta da placa no vestíbulo do xulgado caldense. CEDIDA

Primeiro, Manuel A. Pereira Costas (a finais dos anos noventa), logo Dalila Dopazo Blanco e, despois, Encarna Dasi Dorelle, que continúa actualmente como xuíza titular. Estes tres maxistrados foron os que ditaron as primeiras sentenzas en lingua galega nos xulgados de Caldas de Reis e os seus nomes están impresos nunha placa en recordo descuberta onte no vestíbulo do edificio xudicial, como parte do acto conmemorativo organizado polo colectivo Irmandade Xurídica Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na celebración, que se enmarca na campaña Lingua de Lei. 35º aniversario da Lei de Normalización Lingüística, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e, coma el, tamén interviron o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro, quen xa durante a súa etapa na Audiencia Provincial de Pontevedra empregou a lingua galega no desempeño da súa actividade diaria. Igualmente, o seu fillo, Xermán Varela Castejón, maxistrado en Pontevedra, tomou a palabra nun acto ó que asistiron alcaldes e representantes políticos do partido xudicial caldense.

Precisamente, Irmandade Xurídica Galega aproveitou para convidar aos rexedores a asinar a Declaración de Caldas, que recolle un programa de mínimos para que os concellos utilicen a lingua galega nas relacións coas instancias xudiciais dende as asesorías xurídicas e policías das correspondentes corporacións municipais.

O colectivo xa celebrou un acto similar ao de onte nos xulgados de Cangas, A Fonsagrada e Cambados e continuará no resto de Galicia. As citas máis próximas serán as de Lalín (posiblemente o 11 de maio) e as de Ribeira e A Estrada, aínda sen data fixada.

Comentarios