Chega a revolución verde e azul da man de Pontevedra Flúe

O proxecto do concelleiro Iván Puentes inclúe obras destinadas á prevención dos riscos climáticos no marco da cidade pontevedresa
Os socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco inauguran Pontevedra Flúe. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Os socialistas Iván Puentes e Yoya Blanco inauguran Pontevedra Flúe. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, lanza a súa estratexia para renaturalizar os ríos Lérez, Gafos e Valdecorvos e a Xunqueira do Alba, que os pontevedreses poderán coñecer a través dunha exposición itinerante. As intervencións inclúen obras destinadas a previr os riscos do cambio climático e a evitar inundacións. como a creación dun sistema de lagoas de retención de augas no parque de Valdecorvos para evitar os asolagamentos en Padre Fernando Olmedo. Entre as actuacións contempladas están a creación de ribeiras suaves e zonas de lecer para que a cidadanía poida ‘mollar os pés’ nas zonas do Pavillón dos Deportes e Rafael Areses e na Illa das Esculturas, así como a desconxestión do punto de encontro entre o Lérez e o Rons.

info

"Tralo progreso que supuxo o modelo de cidade peonil, chega a hora de dar un paso adiante na estratexia de transformación urbana de Pontevedra. Chega o momento da revolución verde e azul". Deste xeito anunciou na Illa das Esculturas o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, a súa ambiciosa estratexia para renaturalizar os nosos ríos, conectar o espazo urbano co contorno natural, e en especial co Lérez, e converter a este concello, tamén, en referente internacional en infraestrutura verde, restauración de ríos e loita contra o cambio climático. Un proxecto que se traducirá nunha vintena de actuacións, moitas delas en marcha e financiadas con fondos propios e procedentes de Europa, que suman máis de vinte millóns de euros e que se enmarcan baixo a marca paraugas Pontevedra Flúe. Nun acto de presentación que se desenvolveu precisamente nun dos puntos da Illa das Esculturas nos que se vai intervir (próximo á pasarela peonil), no que se substituirá o actual dique por terrazas que permitan achegarse á auga e mollar os pés, e acompañado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, a súa compañeira de partido Yoya Blanco, o socialista Iván Puentes explicou que "Pontevedra Flúe é a estratexia que concentra todos aqueles proxectos que o Concello ten xa actualmente en marcha ou en planificación para actuar nos leitos fluviais da cidade e nos seus contornos verdes, co río Lérez como eixo vertebrador que lle dá sentido a esta estratexia, pero tamén o río dos Gafos, o rego de Valdecorvos ou a Xunqueira de Alba, co río Rons".

Tal e como sinala Puentes, "aínda que xa esteamos en 2022, trátase do particular horizonte 2020 da cidade de Pontevedra, porque falamos duns 20 proxectos que suman máis de vinte millóns de euros, o que nós chamamos a revolución verde e azul da cidade. Pontevedra", asegura o edil do PSOE ten un modelo de cidade exitoso, premiado, recoñecido a nivel internacional e que tende a ser replicado por moitas outras urbes españolas e estranxeiras, pero ese modelo debe evolucionar cara a un modelo que, ademais de reducir o tráfico e gañar espazo peonil, sexa á súa vez referente internacional en recuperación do espazo verde e azul. Nesa estratexia inclúese a renaturalización dos leitos dos ríos, con ese fito destacado que supón o destape e recuperación do treito urbano do río Gafos, entre outra gran variedade de actuacións.

Comentarios