Galicia é unha das primeiras CCAA en garantir indemnizacións para as mortes de vacún causadas por EHE

A Xunta garante, con carácter retroactivo, cubrir todas as mortes provocadas pola enfermidade ► Traballa dun xeito coordinado con todo o sector dende a chegada da doenza á Península
A única vía de contaxio nos animais é pola picadura dos mosquitos transmisores. ARQUIVO
photo_camera A única vía de contaxio nos animais é pola picadura dos mosquitos transmisores. ARQUIVO

Galicia foi unha das primeiras comunidades autónomas en garantir axudas ás explotacións afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Así é que actualmente a Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, está a traballar na redacción da orde anual para a concesión de indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades que se convocan para o ano 2024, na que que por primeira vez vaise incluir o dereito a indemnización pola morte de animais a consecuencia da infección pola EHE.

Estas indemnizacións terán carácter retroactivo, dende setembro de 2023 —data da entrada desta enfermidade en Galicia—, para poder cubrir todas as mortes que se poidan constatar causadas por esta doenza.

A EHE en Galicia

A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica é unha enfermidade que contaxia exclusivamente aos animais —nunca ás persoas— a través da picadura dun mosquito. É unha doenza infecciosa pero non contaxiosa, que no referido ao gando afecta especialmente aos bovinos.

Esta doenza non foi detectada en Europa ata o pasado mes de novembro de 2022 cando as autoridades italianas comunicaron a detección do virus en explotacións de gando bovino na illa de Cerdeña. Trala chegada da estación invernal produciuse un silencio epidemiolóxico que se mantivo ata o pasado mes de xullo, unha vez que o mosquito transmisor volveu circular de novo no ambiente, iniciándose un goteo continuado de focos que de sur a norte alcanzan á data actual a totalidade do territorio peninsular (incluída a totalidade do territorio portugués). En España só permanecen libres da presenza do virus as Illas Baleares e Canarias, Ceuta e Melilla.

Dende a recirculación da enfermidade en España en 2023 e antes de que chegara a nosa Comunidade, o persoal veterinario da Consellería do Medio Rural mantivo permanentemente informado da evolución da enfermidade ao sector gandeiro galego, supervisando o cumprimento dos requisitos dos movementos de animais procedentes de zonas afectadas cara a Galicia e alertando a todos os colectivos implicados (gandeiros e veterinarios clínicos, preferentemente) da obriga de comunicación de calquera sospeita da enfermidade en explotacións galegas.

Así mesmo infórmase permanentemente da situación á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia no marco da vixilancia da existencia de sospeitas en cérvidos silvestres.

Protocolo de actuación

Unha vez confirmada a presenza do virus no noso territorio, a mediados do mes de setembro, a Consellería do Medio Rural estableceu un protocolo de actuación ante a sospeita da enfermidade, consistente fundamentalmente na toma de mostras para análise laboratorial dos animais enfermos, a obriga de desinsectación de instalacións, animais e medios de transporte de animais cando procedera, así como a inmobilización preventiva dos animais sintomáticos co fin de reducir a transmisión viral. Asimesmo, trasladáronse recomendacións preventivas ás feiras e ás explotacións non afectadas, esencialmente o uso de desinfectantes en instalacións e medios de transporte, e repelentes en animais, así como evitar a creación de zonas que podan favorecer a cría do mosquito.

Medio Rural mantén actualizada unha base de datos con toda a información de interese nas explotacións bovinas afectadas por EHE, co fin de ter un coñecemento máis exhaustivo do comportamento e alcance da enfermidade. É esperable que co descenso actual de temperaturas a incidencia da enfermidade vaia diminuindo progresivamente ata a súa desaparición conforme o mosquito vector deixe de circular. En todo momento, a Xunta proporcionou toda a información dispoñible a todos os actores implicados, facilitando recomendacións e pautas de actuación, distribuíndose dípticos e comunicados, ademais de poñer toda a información actualizada na web de Medio Rural.

Esta será a folla de ruta que seguirá o goberno autonómico nas próximas semanas, dun xeito coordinado e cun obxectivo claro: mitigar as consecuencias da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e seguir potenciando o sector gandeiro galego.

Sobre a enfermidade
A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica é unha enfermidade vírica infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

Vías de contaxio
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Rumiantes
En canto á afección ao gando, a EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o gando bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que o gando cabrún non é sensible a esta enfermidade.

Cadro clínico
Se ben no gando vacún o cadro clínico máis frecuente cursa con síntomas moderados con, febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema do ubre, síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas, existen animais nos que a enfermidade presenta unha clínica máis acusada, chegando nalgúns animais á morte. En canto ao gando ovino e cabrún, non hai constancia de enfermidade clínica nos animais.