"Hai eleccións moi sinxelas, como elixir o queixo crema de Lugo"

Sergio Martínez é o director xeral de Quescrem, a empresa radicada en Castro Ribeiras de Lea e especializada en queixo crema e mascarpone, que vende a máis de corenta países 
Sergio Martínez. EP
photo_camera Sergio Martínez. EP

Como naceu Quescrem?

Creamos Quescrem hai 17 anos grazas ao inconformismo dun grupo de persoas vinculadas coa USC e coa Aula de Produtos Lácteos do Campus de Lugo que decidimos crear unha empresa de produción de queixo crema. Nace dun compromiso dos socios co sector lácteo galego para amosar que, dende a innovación, a internacionalización e a sustentabilidade se poden xerar iniciativas interesantes e dinamizadoras do sector lácteo galego.

Cal é a relación de Quescrem cos gandeiros da provincia?

Para nós o relevante non era só o territorio, senón o que chamamos a cadea de valor láctea. Cremos que para que o gandeiro poida verse retribuído adecuadamente, os produtos deben poder trasladar o valor do prezo de venta do queixo ao gandeiro e a todos os elos da cadea. Queremos investir en investigación e desenvolvemento e en formación do persoal; e poder pagar xustamente aos provedores, sobre todo aos gandeiros.

"Estamos moi orgullosos de ter a nosa base en Castro Ribeiras de Lea, no entorno rural"

Como se fai o queixo crema na factoría de Quescrem?

Para nós son moi importantes as materias primas, por iso usamos produtos de proximidade, a maioría da nosa comarca. Hai eleccións moi sinxelas, como elexir en Lugo o queixo crema feito en Lugo con leite de Lugo. É un produto lácteo que nós facemos cunha fermentación moi lenta, potenciando os sabores e os matices aromáticos do queixo. Despois, facemos un desorado por unha técnica que se chama ultrafiltración, na que concentramos a proteína, a graxa e o valor nutricional do leite, que se transforma nun queixo cunha textura cremosa e cun sabor lixeiramente ácido e fermentado. Intentamos que os produtos sexan o máis naturais posibles e co menor número de ingredientes, traballando constantemente para mellorar os nosos procesos, os queixos e a sustentabilidade da produción.

Á parte de ter este queixo crema natural, teñen outros moitos sabores. Como os desenvolven?

Intentamos traballar da man do mercado, detectando novas necesidades, desenvolvendo novos produtos, e colaborando con universidades e centros tecnolóxicos de toda España e algún de fóra, aínda que o noso centro de referencia segue a ser a Aula de Produtos Lácteos da USC en Lugo, coa que temos unha estreita colaboración. Para nós estar en Lugo e ser de Lugo é algo estratéxico. Cremos que estamos no mellor sitio do mundo para o que estamos a facer, tanto pola tradición do sector lácteo, coma pola produción de leite e coma pola dispoñibilidade de servizos técnicos para innovación,formación... Estamos moi orgullosos de ter a nosa base en Castro Ribeiras de Lea, no entorno rural e na provincia de Lugo.

"Comezamos sendo catro persoas e agora son preto de cen, e queremos seguir crecendo en Lugo"

Dentro da empresa hai un centro de I+D+i. Como funciona?

Temos un equipo formado por oito persoas con diferentes perfís que traballamos en moitos ámbitos: sustentabilidade, novos produtos, novas tecnoloxías… Hai que ter en conta que vendemos queixos para uso profesional e que ao mellor o público non coñece, pero que son empregados como ingrediente para producir outros alimentos. Gran parte da nosa innovación está neses produtos que van destinadas á canle profesional.

Veñen de gañar este ano tres premios ao sabor no International Taste Institute. Que supón para Quescrem este recoñecemento?

Focalizamos os nosos esforzos en que os produtos sexan o máis cremosos e saborosos posibles. Buscamos que quen consuma os nosos queixos desfrute, e que o recoñeza un xurado de chefs coma neste caso, é un valor engadido importante. Utilizámolo especialmente en mercados de exportación, onde estes galardóns teñen un gran recoñecemento que anima ós consumidores a probar os nosos produtos. Serve para abrir portas.

Cal é a dimensión das exportacións de Quecrem?

Somos unha empresa 100% galega. Estamos nun pobo duns 500 habitantes da provincia de Lugo, pero a nosa vocación é universal. Queremos levar a excelencia organoléptica, o sabor e a cremosidade a todos os lugares do mundo onde haxa persoas que o aprecien e o valoren. Dende o 2010 iniciamos unha actividade exportadora que hoxe en día representa o 55% do noso negocio. Estamos nuns corenta países de todo o mundo, o que fai que Quescrem sexa o principal exportador de queixo de España a mercados como China, Corea e Xapón.

Cales son os seus plans de sustentabilidade?

Queremos ter unha empresa o máis sustentable posible e por iso decidimos poñer en marcha a primeira planta de España que produce biogás a partir de refugallos da producción láctea, e que tamén é pioneira en Europa. Esta planta intenta aproveitar todos os residuos da produción queixeira e transformalos en enerxía. Ademais, toda a electricidade que consumimos é renovable e temos unha porcentaxe de autoprodución de enerxía a través de instalacións solares fotovoltaicas. Hai tamén plans en marcha para reducir o consumo de auga e unha parte importante da produción de vapor é a través de biomasa.

Teñen previsto algún investimento en Lugo nos vindeiros anos?

Estamos nun ciclo de inversión moi importante para Quescrem. No 2007, cando comezamos, éramos catro persoas, e agora somos ao redor de cen e queremos seguir crecendo en Lugo. Estamos rematando un primeiro ciclo de inversión de cinco millóns de euros e imos arrincar este verán outro ciclo de case a mesma cantidade. A idea é medrar dende Lugo, xerando emprego no rural, aumentando a compra de materias primas galegas e tendo un impacto positivo na sociedade.

Nese investimento, inclúese a ampliación da fábrica?

Si, con ese investimento ampliarase a fábrica para case duplicar a capacidade produtiva que tiñamos no 2021. Pasaríamos dos 3,5 millóns de quilos dese ano a uns sete de capacidade produtiva no 2025, e polo tanto, o dobre de impacto económico en Lugo e en Galicia. Na actualidade, vendemos máis de catro millóns de quilos ao ano.