Os plans de sostibilidade, unha oportunidade estratéxica para o turismo de Pontevedra

A Xunta de Galicia deseñou tres estratexias territoriais que están en marcha ao redor do litoral, enogastronomía, cascos históricos e vilas termais ► Están a ser o paraugas de distintas accións de sustentabilidade no territorio
O arquipélago de Sálvora. EP
photo_camera O arquipélago de Sálvora. EP

O turismo está a vivir un moi bo ano en Galicia. Tanto desde o punto de vista de número de viaxeiros como desde o punto de vista cualitativo. Neste contexto, os fondos europeos Next Generation transferidos a Galicia están a converterse tamén nunha importante oportunidade. Con eles, a Xunta de Galicia deseñou tres plans cos que se están a poñer en valor os recursos do litoral, a enogastronomía e os cascos históricos e vilas termais de xeito diversificado a través tanto do lanzamento de liñas de axudas para o sector ou profesionais, como con estratexias de sostibilidade turística levados a cabo por distintas entidades. 

O primeiro en aprobarse, o plan do litoral, conta cun orzamento próximo aos 30 millóns de euros e ao seu abeiro destináronse este ano 6 millóns á rehabilitación de distintos recursos emblemáticos no litoral baixo a fórmula de axudas a concellos ou establecementos, da que se prevé lanzar unha nova convocatoria. Tamén se traballa nun ambicioso proxecto que suporá crear unha senda litoral coa que se creará unha ruta peonil entre A Guarda e Ribadeo e está previsto destinar 1,8 millóns de euros para actuacións que revaloricen os portos deportivos, mellorando as estruturas e servizos. 

A enogastronomía é o aspecto sobre o que pivota o segundo plan territorial, cun orzamento superior a 34 millóns de euros e no que a Xunta prevé lanzar antes de final de ano liñas de axuda para impulsar establecementos gastronómicos con encanto e promover iniciativas turísticas de mobilidade sustentable, entre outras propostas que afondarán na intención de enriquecer a experiencia turística ao redor do viño e a gastronomía galega. 

Aínda que o terceiro plan de Turismo de Galicia centrado nos recursos dos cascos históricos e vilas termais, está xa aprobado con máis de 23 millóns de euros o groso das súas accións desenvolveranse a partir do vindeiro ano, e inclúen, entre outras medidas, lanzar liñas de axudas para a mellora das infraestruturas termais e balnearios de Galicia. 

E a estas propostas súmanse as que están incluidas no Plan Xacobeo Next Generation, neste caso centradas no Camiño de Santiago. Turismo de Galicia ten aberta nestes momentos a convocatoria de axudas de 4 millóns de euros para impulsar a rehabilitación sostible de emprazamentos senlleiros da ruta xacobea para convertelos en establecementos turísticos. E ao abeiro do Plan Xacobeo Next Generation tamén se esta a sinalizar a rede cicloturística Eurovelo e se realizaron melloras en portos vinculados coa ruta Traslatio. Está previsto, ademais, deseñar unha ferramenta de dixitalización dos Camiños de Santiago e está en marcha a rehabilitación de distintos BIC situados no Camiño de Santiago. 

Trátase, todas elas, de actuacións que buscan estimular o desenvolvemento económico, a conservación do patrimonio natural e cultural, e a promoción dun turismo cada vez máis sustentable e respectuoso e que se completa cos distintos plans de sostibilidades turística que se están a levar a cabo en distintos concellos galegos baixo o paraugas destes plans territoriais. 

Diversificación 

O turismo da provincia de Pontevedra recibe tamén o impulso destes fondos europeos xestionados pola Xunta de Galicia con investimentos específicos e ben direccionados, para impulsar os seus recursos. Así, ademais dos concellos que foron beneficiarios da axudas, no marco do plan territorial do litoral deseñado pola Xunta estanse a desenvolver de xeito máis territorializado distintos plans de sustentabilidad turística como Sanxenxo, 365 días, Descubre Baiona, Condado Paradanta unha terra entre ríos, así como actuación estratéxicas na cidade de Pontevedra e Marín

O cárcere vello de Tui. AEP
O cárcere vello de Tui. AEP

No eido da enogastronomía, os concellos de A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz- Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño están a desenvolver un plan para potenciarse como destino enogastronómico. Tamén se está a levar a cabo outra estratexia no xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño así como na cidade de Vigo e na Guarda. No concello de O Grove desenvólvese o plan de sustentabilidade turística A Gastromeca. E no terceiro dos plans, o de cascos históricos e vilas termais, inclúense proxectos como o plan de sostibilidade turística centro histórico vila de Bouzas e outro en Tui

Ademais, son varios os bens de interese cultural nos que se acometerán actuación ao abeiro do Plan Xacobeo Next Generation. Trátase do arquipélago de Sálvora, da Ribeira do Lérez desde as Xunqueiras ata As Aceñas, a restauración do cárcere vello de Tui e do Castelo de Santa Cruz, na Guarda. E mesmo actuación nas Torres do Oeste de Catoira. Tamén se actuará sobre o arquipélago de Ons e a Casa de Valle Inclán en Vilanova de Arousa.