Lucía Novas: "‘Cervatos’ fala do medo ao amor e á frustración e da cultura Peter Pan posmoderna"

A escritora buenense acaba de publicar o seu terceiro poemario, un traballo que hibrida a cultura da aldea e a cultura urbana e no que pretende expresar moitas ideas diferentes

Lucía Novas. DP
photo_camera Lucía Novas. DP

O GUSTO polas atmósferas ‘kitsch’, a beleza do efémero e a riqueza de obxectos superfluos marcan o estilo de ‘Cervatos’, o novo poemario da buenense Lucía Novas.

De qué falan os poemas de Cervatos?

Cervatos é un libro de aparencia sinxela, e incluso cun toque naif, pero co que pretendo expresar moitas ideas diferentes. Por unha banda, trátase dun libro sobre o paso do tempo, e así aparecen as figuras dos meus avós paternos, (co seu amor ás plantas ou ós cuartos de costura) ou da miña tía avoa Elvira, e a nostalxia e o desacougo pola cultura da aldea que esmorece, neste caso simbolizada pola aldea da miña nai, Anceu, en Ponte Caldelas. Cervatos é tamén un libro que fala do amor, e en concreto das relacións amorosas na miña xeración; por exemplo do intento de construír relacións igualitarias e libres pero nas que á vez aínda nos pesa moito a cultura machista da que bebemos. Tamén fala do medo ó amor e á frustración e da cultura Peter Pan posmoderna. Cervatos é tamén unha enorme collage, como un enorme videoclip con imaxes rápidas. Cervatos pretende ser unha crítica á posmodernidade, onde vivimos na velocidade, no espéctaculo, no hedonismo, na fraxilidade, onde todo é relativo, e todo se pode mercar e vender. Pero á vez que se critica a posmodernidade, tamén aparece unha fascinación pola estética posmoderna, da que bebemos a través da música, do audiovisual e da fotografía. De feito, existe unha play list detrás do libro e dialogo con fotografías ou collages de artistas como Olivia Bee ou da pontevedresa Natalia Umpiérrez. Cervatos, por último, hibrida a cultura da aldea e a cultura urbana, e aparecen referencias directas e indirectas á cidade de Pontevedra, por exemplo.

E o estilo da obra?

A estética do libro procura a beleza nas marxes, na periferia, na cultura popular urbana, en pequenos obxectos efémeros e de gusto kitsch: neses obxectos que pensamos que son dun gusto tan pouco refinado e tan dubidable que ó final refulxen coa súa beleza

De cantos poemas consta a obra?

Cervatos está composto por pequenos textos poéticos escritos tanto en verso como en prosa poética. De feito, creo que son estes últimos os que máis abundan. Sinceramente, non sei cantos son en total, tería que contalos! En xeral, concibo sempre o libro como un todo, como un macrotexto.

Leva, ademais, outras dúas obras poéticas ás espaldas. Esta é a terceira.

Así é. O meu primeiro libro leva por título Epiderme de estío, e céntrase no amor, no erotismo e no sensorialismo nun ambiente oceánico e na estación do verán. O segundo é Neve, no que a voz poética morre simbolicamente, repara as súas feridas entre a neve e os bálsamos, na estación do inverno, cando o tempo se suspende, e renace.

Cando empezou a escribir?

Comecei a escribir sendo unha nena, na escola, cando tiña 6 anos, a petición de Lola, unha profesora da que gardo moi bos recordos e á que lle teño moito aprezo. A partir de aí, foi unha afección que fun cultivando na infancia, de feito ía elaborando unha especie de libriño cos meus poemas infantís. Pero foi a partir dos 14 anos, cando entro na adolescencia, con máis lecturas, etc., cando comezo a escribir máis en serio.

Comentarios