"Aquí estase cocendo algo importante"

A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra inicia os ensaios para a actuación que ofrecerá xunto a Jane Birkin o 27 de outubro no Pazo da Cultura. Corenta músicos locais arrouparán á británica ao seu paso pola cidade co proxecto Gainsbourg Symphonique

Orquestra Filharmonica
photo_camera Javier Viceiro-Filgueira á fronte do ensaio da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Unha homenaxe ao escritor, compositor e intérprete francés Serge Gainsbourg foi o que argallou, o ano pasado, a que foi a súa parella e musa, a cantante e actriz británica afincada en Francia, Jane Birkin. A artista contou coa colaboración do xaponés Nobuyuki Nakajima para realizar os arranxos dos temas de Gainsbourg e reinterpretalos en clave sinfónica. Birkin presentará este proxecto, titulado ‘Gainsbourg Symphonique’, o sábado 27 de outubro (21.00 horas) no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro do ciclo Voices. Tras ela, no escenario, estarán 43 músicos locais. Ou o que é o mesmo: a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra dirixida por Javier Viceiro-Filgueira. A agrupación acaba de comezar os ensaios para este recital.

"Estamos metidos en fariña, ensaiando a lectura das 23 cancións nas que imos acompañar a Jane Birkin", conta o director da orquestra. "É unha música excelente que mantén unha herdanza pop, pero tamén influencias de música brasileira, de valses e, sobre todo, do impresionismo francés. Por exemplo de Debussy e de Ravel, dous dos compositores máis importantes da Francia da primeira metade do século XX". 

Viceiro-Filgueira cre que é importante que a orquestra pontevedresa se enfronte a estes retos. "Sempre digo que somos animais de conservatorio. Todos tivemos na nosa formación unha sobresaturación de repertorio da primeira Escola de Viena, Mozart, Haydn e Beethoven. Saír diso custa un pouco. Por iso isto é fantástico, para abrir a mente e para buscar conexións con outras cousas"

A directora da asociación cultural que xestiona a Filharmónica Cidade de Pontevedra, Judith Rey, conta que foi a promotora do concerto, i-Radia Crea, a que se puxo en contacto con eles para levar adiante esta colaboración. "Todos estivemos de acordo en que era unha oportunidade moi boa". O vicepresidente do colectivo, Javier Morgade, dálle a razón. "Vai facer doce anos que comezou a andar este proxecto da orquestra e vivimos un momento especial no que encaixa moi ben esta colaboración tan particular, moi diferente ao que estamos acostumados e cunha estrela de renome".

O director da Filharmónica destaca o traballo de Nakayima, pianista especializado en composición para cine, á hora de facer a nova orquestración de cada un dos temas. «Este proxecto ten detrás un traballo enorme, porque precisa escribir parte por parte, compás por compás, cada un dos instrumentos da orquestra». Precisamente con Nakayima ensaiará a agrupación pontevedresa o próximo venres ao longo de todo o día. "Tres horas pola mañá e tres pola tarde". Despois haberá unha pequena proba con Jane Birkin, que se repetirá o sábado.

"O que está a facer esta orquestra en Pontevedra é vital. O déficit que existe en práctica orquestral en España é alarmante"

O que máis lle gusta á Orquestra desta colaboración é a posibilidade que lle ofrece de tocar fronte ao público. Porque,a pesar dos exitosos concertos que realiza en Aninovo e no Salón do Libro Infantil e Xuvenil, botan en falta continuidade enriba do escenario. "Podemos presumir de músicos moi bos, de grandes profesionais, pero o bonito sería que contasen con nós, que puidesemos realizar unha programación estable", di Judith Rey.

"Estamos nun momento de impulso. Cremos de verdade que aquí se está a cocer algo importante", apóiaa Javier Morgade, que lembra que a agrupación puxo en marcha, o ano pasado, unha orquestra infantil e outra xuvenil para que os rapaces que se están formando tivesen onde tocar. "O ano pasado matriculáronse nelas 30 cativos. Este ano case 80. Penso que é necesario dicir que estamos facendo un traballo incrible aí".

Javier Viceiro-Filgueira concorda. "Está a ser alarmante o déficit en formación orquestral que hai en España. É como se intentasemos adestrarnos como dianteiros centro en solitario. É imprescindible o traballo e a práctica de conxunto. Por iso o que fai esta orquestra en Pontevedra é vital". 

Sayers, Dobode e a Filharmónica
A colaboración da Orquestra e Jane Birkin enmárcase nunha iniciativa da Concellería de Cultura que promove a presenza de artistas locais nos concertos doutros nacionais ou internacionais. Así, Cora Sayers foi teloneira de Jorge Drexler e Marcelo Dobode serao de Morcheeba.
SABER MÁIS:
Entradas para o concerto de Jane Birkin (28,60 e 30,80 euros): www.ticketea.com

Comentarios