"Esa muller que quixo falar coma nós"

O alcalde gaba a figura da "enorme pontevedresa que foi María Victoria Moreno", ao tempo que se refire ao castelán e ao inglés como "auténticos depredadores lingüísticos"

Os libreiros ocuparon a Praza da Peregrina no Día das Letras Galegas. RAFA FARIÑA
photo_camera Os libreiros ocuparon a Praza da Peregrina no Día das Letras Galegas. RAFA FARIÑA

Unha alfombra floral co retrato da homenaxeada o Día das Letras Galegas, como é habitual, presidiu este xoves a homenaxe popular a María Victoria Moreno que a asociación socio-cultural O Burgo celebrou na Praza de Curros Enríquez. Ducias de persoas asistiron a esta actividade, na que colabora o Concello; na que actuaron o grupo de gaitas Os Alegres e a Banda de Música de Pontevedra, e na que se realizou unha lectura pública de poemas do libro Elexías de luz.

"Todos formamos hoxe unha familia de siareiros entre os que destaca unha muller que, aínda que non físicamente, sempre está presente entre nós: María Victoria Moreno", dixo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que acostuma a ler un discurso co gallo do 17 de maio neste acto do Burgo. "Se hai poucas semanas o arquitecto Alejandro de la Sota era o protagonista do Día das Artes Galegas, hoxe homenaxeamos á enorme pontevedresa que foi María Victoria Moreno, a quen hoxe –por este xoves– se dedica o Día das nosas Letras. Esa muller que chegou a Galicia e quixo falar como os galegos".

Lores eloxiou a figura da homenaxeada o Día das Letras Galegas a distintos niveis e, por enriba de todos, gabou a súa decisión de adoptar como idioma propio o galego (sendo estremeña).

"A grandísima lección que a profesora Moreno nos deixou foi a de decidir vivir coma os galegos, cunha das máis enternecedoras frases que se pode dedicar a unha lingua: 'Non quero falar nun idioma distinto ao que fala a persoa que elabora o pan que como'". Fíxoo ao tempo que se referiu ao castelán e ao inglés como "auténticos depredadores lingüísticos pola súa potencia, derivada de dominacións imperiais".

Comentarios