Fernando Salgado: "Escribín este libro para que non se perda o rastro do meu avó"

O xornalista Fernando Salgado presentou este xoves na Casa das Campás '1306/36', a historia do activista republicano Pancho Varela

Presentación de '1306/36' de Fernando Salgado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Presentación de '1306/36' de Fernando Salgado. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Casa das Campás acolleu este xoves a presentación de 1306/36, o libro do xornalista de Diario de Pontevedra Fernando Salgado, no que recupera a historia do que foi o seu avó materno. Este título é tamén o número da causa que se instruíu na Guerra Civil contra Pancho Varela, protagonista da historia.

O acto estivo conducido polo crítico literario Ramón Rozas, e contou ademais co historiador Pepe Álvarez, quen subliñou que este libro "é microhistoria, un relato con memoria sobre un home ó que poderiamos definir como definir como un republicano que era un señor de si mesmo".

Na presentación púxose de manifesto a importancia de recuperar a memoria da man da Lei de Memoria Histórica "e con ela a dignidade", manifestou Rozas. Pola súa banda, o xornalista repasou con fotografías os lugares de Salamanca polos que Pancho Varela tratou de escapar a Portugal e onde transcorre parte da novela. O autor explicou como o seu avó fuxiu tralo golpe de Estado do 36 para evitar caer en mans dos golpistas. "O franquismo quería que, despois de matar, non quedase nin rastro. Eu escribín este libro para que non se perda o rastro do meu avó", sinalou.

Tal e como explicou Salgado, 1306/36 é algo máis que unha biografía que percorre a traxectoria política do protagonista, xa que tamén se detén noutros aspectos menos coñecidos do activista político y cultural que fue su abuelo.

Compromisario de Izquierda Republicana, Pancho Varela foi corresponsal de El Pueblo Gallego, xuíz municipal e secretario do Concello de Cerdedo entre os anos 1931 e 1933. Xulgado en Pontevedra por rebelión tras ser nomeado delegado gubernamental en 1936, foi posteriormente condenado a morte. Tamén o pasou pola Illa de San Simón e foi fusilado na avenida de Bos Aires o 27 de xullo de 1937.

Comentarios