O Salón do Libro vólvese máxico

O evento de literatura infantil e xuvenil de Pontevedra, o máis antigo do seu ámbito no territorio estatal, conmemora o seu 25º aniversario cunha programación de máis de 300 actividades ▶ Contacontos, obradoiros, espectáculos escénicos e exposicións vertebran unha oferta na que destaca a catalá como cultura convidada e a maxia como eixe temático
O concelleiro Demetrio Gómez co programa do Salón do Libro 2024. CONCELLO DE PONTEVEDRA
photo_camera O concelleiro Demetrio Gómez co programa do Salón do Libro 2024. CONCELLO DE PONTEVEDRA

"Vai ser unha experiencia máxica". O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, anunciou este martes que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra "botaba a casa pola fiestra para festexar o seu 25º aniversario". Farao desenvolvendo unha programación de 17 días nos que vai haber 47 obradoiros, 38 contacontos e 21 espectáculos escénicos, ademais de cinema, rodalibros polos barrios e parroquias, camiñadas, faladoiros e exposicións. Dentro do Salón, o máis antigo do seu ámbito no territorio estatal, realizaranse 150 actividades dirixidas ao público xeral e outras 150 exclusivas para os centros educativos. Este ano apuntáronse 60 e cóntase con involucrar a arredor de 5.000 estudantes. "Así que temos un programa de arredor de 300 actividades que pode ser o máis intenso de toda a historia do Salón".

Do 1 ao 17 de marzo celébrase, no Pazo da Cultura, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, que presentou este martes Demetrio Gómez, esta vez sen a compañía da mascota do evento, o lobo Orbil, que ultima a súa reaparición pública tras un lavado de imaxe. O concelleiro, que lembrou a que a cultura convidada deste ano é a catalá e a maxia o eixe temático do evento, tamén destacou a cantidade de estreas que se inclúen na programación: ademais dos espectáculos de inauguración e de clausura, a proposta para bebés Animais encantados; o concerto Sinfonía máxica, a cargo do Mago Teto e da Banda de Música de Salcedo, e o contacontos Descubrindo magas, de Raquel Queizás. Á parte estaría a homenaxe aos mestres e mestras que colaboraron co Salón ao longo deste 25 anos, que conducirán Andrea Bayer e Xacobe Rodríguez. "Quixemos que fosen eles porque ambos son mestres".

A maiores, Gómez tamén anunciou unha nova actividade dentro da programación: sesións de cinema para os domingos ao mediodía. "Estas terán lugar no Teatro Principal".

8 de marzo

Coincidindo co Día da Muller, o Salón desenvolverá unha programación especial o día 8 de marzo co obradoiro gastronómico Superheroínas con mandil e o espectáculo de maxia Fábrica de feitizos e igualdade, a cargo da Maga Fani

Esta ilusionista será unha das once que convocou este ano o Salón aproveitando que o seu tema central sería a maxia. En total poderanse ver nove espectáculos. "E, tamén arredor do eixe temático, o 16 de marzo terá lugar pola cidade o roteiro As fórmulas máxicas dos pastequeiros, recuperando desta maneira a súa figura". Segundo a crenza popular, o pastequeiro era unha persoa con poderes para desfacer meigallos.

Demetrio Gómez subliñou tamén que a biblioteca do Salón pon á disposición da cativada máis de 4.000 volumes, incluídos títulos en lingua árabe e tamén en braille, e que haberá exposicións particulares como Personaxes do universo máxico galego, na que 17 ilustradores recrean personaxes mitolóxicos galegos, ou Cousas dos libros, con obxectos reais da literatura fantástica como vasoiras de meigas ou puñais para matar vampiros.

As entradas para os espectáculos de pago (3 euros) están á venda en ataquilla.com. E para os que son de balde hai que reservar o acceso en salondolibro.gal.

Comentarios