50 años sin Julio Camba

O último día de febreiro –ou penúltimo, se cadra en ano olímpico– resulta unha data maldita no calendario do xornalismo galego, xa que nese día non só nos deixou Cunqueiro, senón tamén Julio Camba.

Precisamente onte cumpriuse o cincuenta aniversario da morte de Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1882–Madrid, 1962), un xornalista cuxo recoñecemento foi labrado no enxeño e reflexión dos seus artigos, que resaltan polo seu uso directo da linguaxe.

Con motivo da efeméride, a editorial Reino de Cordelia reeditará algúns deles na obra Playas, ciudades y montañas, onde o arousán fala de tres escenarios: Galicia, Francia e Suíza. Camba foi un home feito a si mesmo, gustoso de viaxar desde a súa xuventude.

A primeira gran viaxe que emprendeu foi aos 16 anos, a Arxentina, onde chegou como polizón nunha embarcación. Neste país entrou en contacto cos círculos anarquistas e escribiu no xornal La Protesta. A súa actividade neste país cesou en 1902, cando foi expulsado por revolucionario. As súas primeiras andanzas xornalísticas en España foron no Diario de Pontevedra, onde colaborou á súa volta de Arxentina. Pero xa en 1903 instalaríase en Madrid, onde se fixo colaborador da prensa radical e editaba a súa propia revista, El Rebelde.

Máis tarde exercería como corresponsal do ABC desde diferentes destinos: Istambul, París, Londres, Berlín ou os EE UU. Os seus artigos tiñan como rasgo de identidade o humor intelixente, a reflexión audaz que nace a raíz de acontecementos triviais e de caracter irónico. Como el mesmo dicía: “Son un escritor decorativo que se adica a literatura fácil, superficial e pintoresca”, porque “o público é frívolo e lixeiro, e quere que lle digan as cousas dunha maneira rápida, fácil e agradable”. Camba, como Cunqueiro, foi tamén un destacado articulista gastronómico. O seu libro máis difundido, La casa del Lúculo, son artigos de cociña de pratos do mundo.