lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

A maxia chega a Núbebes

Presentación do Festival de Artes Escénicas para Bebés e Familias de Pontevedra. CEDIDA
Presentación do Festival de Artes Escénicas para Bebés e Familias de Pontevedra. CEDIDA
O Festival de Artes Escénicas para Bebés e Familias de Pontevedra inclúe, por primeira vez, un espectáculo de ilusionismo na súa programación

As incorporacións dun espectáculo de maxia para cativiños de máis dun ano, do Museo como escenario de actividades e de Down Pontevedra Xuntos como asociación colaboradora son as principais novidades do VII Festival de Artes Escénicas para Bebés e Familias de Pontevedra, Núbebes, que se celebrará durante as dúas últimas fins de semana do mes de setembro na capital da provincia: do 20 ao 22 de setembro e o 28 e 29 do mesmo mes.

"Haberá teatro, danza, música e, por primeira vez, maxia", explicou este mércores a coordinadora da proposta, Andrea Bayer, durante a presentación da edición deste ano dun festival único nas súas características en todo o norte peninsular. Os responsables desta iniciativa son os membros de Baobab, compañía teatral especializada no público infantil fundada pola propia Bayer xunto a Óscar Ferreira. Eles dous, acompañados do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e da concelleira de Cultura, Carme Fouces, foron os encargados de avanzar que novidades marcarán a celebración da sétima edición do evento. "Así que estrearemos unha proposta de maxia para bebés. Atreveuse a facela o Mago Paco, de Marín". Será o sábado 28 de setembro.

Andrea Bayer tamén destacou a aposta que o festival segue realizando pola integración. Ás actividades que viña propoñendo a asociación de familias de persoas con parálise cerebral e outros trastornos neuro-motores, Amencer, súmanse este ano as de Down Pontevedra Xuntos, que traballa pola inclusión de persoas con síndrome de Down. "Realizará un obradoiro que se titula "Cociñando [email protected]"". Será o sábado 21.

"Cada vez é máis complidado compoñer a programación, porque nós nos volvemos máis esixentes, pero o público tamén", explicou Andrea Bayer

Outra novidade é o cambio de datas nos obradoiros dirixidos a profesionais. "Para evitar que coincidiran co inicio do curso escolar, celebraranse na primeira fin de semana de outubro".

GUERRA DE ALMOFADAS. Outra novidade da edición deste ano é a incorporación dun novo espazo. Trátase do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, que acollerá un obradoiro musical. O resto das propostas repartiranse por outros escenarios da cidade como o Teatro Principal, o Pazo das Mendoza, a Casa Azul, o Casino Mercantil e a Praza do Teucro. Esta última acollerá a tradicional guerra de almofadas entre papás e cativiños o domingo 29 de setembro ao mediodía. Tras ela, Cé Orquestra Pantasma presentará o seu espectáculo 'A Voar' na mesma praza.

Outros protagonistas destacados da programación de Núbebes serán a cantautora Cora Velasco, que acompañará a Roque (o boneco de Baobab que apadriña o festival dende os seus inicios) no espectáculo inaugural do venres 20 de setembro, e o músico Marcelo Dobode, que se ocupará da clausura, co seu proxecto Banda Moraima. Outros nomes destacados son os da contadora salmantina Eugenia Manzanero (día 28), que repite no evento, e o da compañía asturiana Kamante (21).

"Cada vez é máis complidado compoñer a programación, porque nós nos volvemos máis esixentes, pero o público tamén", explicou Andrea Bayer. "Da deste ano estamos moi orgullosos". Segundo dixo, a intención do festival é seguir apostando por algunha das constantes que o identifican como a especial relevancia das propostas galegas. "Queriamos, dende o principio, que todo isto tivese un forte selo galego, entre outras cousas porque aquí se fan cousas fantásticas".

Os membros de Baobab lembraron este mércores que as entradas de pago para o festival (2,5 euros) están á venda en ataquilla.com e que para os espectáculos que son de balde é imprescindible recoller as invitacións que se porán á disposición do público no despacho de billetes do Teatro Principal. Para as propostas da mañá poderanse retirar a partir das 10.30 horas e para as da tarde a partir das 16.00. Entregaranse un máximo de catro por persoa.

A maxia chega a Núbebes
Comentarios