Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

"A música para min sempre estivo aí"

O músico e compositor pontevedrés Adrián Saavedra co seu galardón, no centro da cidade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O músico e compositor pontevedrés Adrián Saavedra co seu galardón, no centro da cidade. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Os Premios Martín Códax recoñecen o traballo do compositor de Cerponzóns Adrián Saavedra na música contemporánea galega ▶ "Eu non me ergo pola mañá sentíndome un músico de clásica; enfróntome ao traballo sen barreiras, dun xeito totalmente natural", di

"Non me lembro do momento no que a música entrou na miña vida. Non teño ningún recordo anterior ao piano. Para min, sempre estivo aí", lembra o músico e compositor Adrián Saavedra (Cerponzóns, 1987). O rapaz foi o único pontevedrés galardoado nos Premios Martín Códax da Música, que se entregaron o mércores pasado no Pazo da Cultura. El fíxose co recoñecemento na categoría de música clásica e contemporánea. "O obxectivo destes premios é proxectar o traballo dos músicos galegos", conta ao respecto do que significou para el recibir o galardón. "Son importantes nese sentido: axudan a visibilizar o que fas", indica.

Con máis dunha década de traxectoria ás súas costas como compositor, músico e produtor, Adrián Saavedra compatibiliza distintos proxectos musicais ao tempo que desenvolve unha carreira propia como compositor de música contemporánea, a área na que foi recoñecido polos Martín Códax. "O que pasa é que en Galicia centrarse unicamente na música contemporánea é practicamente imposible. Ninguén pode permitirse algo así porque é complicado vivir só diso".

Aínda así, el insiste nesa faceta que o levou a estrear unha obra, "Macaréu", encargo da Real Filharmonía de Galicia, o pasado mes de febreiro. "O reto máis importante que ten a música contemporánea hoxe é o da súa relación co público", di o compositor. "Porque esta non é música comercial, necesita de espectadores activos que poñan da súa parte, que coñezan o contexto das obras e que manexen as claves que lle axudarán a entendela". Saavedra cre que é necesario que o público se implique na escoita da música contemporánea, que só se pode gozar indo máis alá da escoita pasiva. "Hai que pensar que a música non é só entretemento, que tamén, pero non debe quedar só niso. A contemporánea é unha música que investiga na parte máis artística, máis creativa e experimental da música", di.

sen complexos. Por outro lado, o autor pontevedrés tamén traballa no ámbito do rock ou da música tradicional. E faino sen complexos. "Eu non me ergo pola mañá sentíndome un músico de clásica. En realidade, todo está bastante unido para min. Enfróntome ao traballo sen barreiras e creo que o fago dun xeito totalmente natural".

Tamén di que lle resultou natural seguir cos estudos de música cando era rapaz. "Incluso cando tiven que elixir entre a música ou o fútbol [militaba nas categorías inferiores do Pontevedra C.F.], en realidade, pouco había que elixir, porque o da música simplemente tiña que ser", conta. Esa foi unha das razóns polas que lle adicou o galardón á súa familia, especialmente á súa nai. "Porque o apoio da familia mentres estudas é fundamental. A da música é unha carreira longa e é indispensable que estea aí".

Outros proxectos
Con Marcelo Dobode e coa Banda de Silleda
Ademais do seu traballo na música contemporánea, Adrián Saavedra desenvolve outros proxectos musicais fóra dese ámbito. Por exemplo, súa é a produción e boa parte dos arranxos de’Turoqua’, o novo traballo de Marcelo Dobode, do que tamén é o pianista. Ademais, fíxolle arranxos ás pezas que a Banda de Música de Silleda interpretará no próximo Festival de Lorient.

 

"A música para min sempre estivo aí"
Comentarios