A pintar a Karakallio

O creador pontevedrés Juan Rivas realiza máis dunha ducia de intervencións pictóricas en mobiliario urbano para un festival finlandés de arte público ao aire libre
O pontevedrés Juan Rivas traballando. @KARAKALLIOCREATIVE
photo_camera O pontevedrés Juan Rivas traballando. @KARAKALLIOCREATIVE

Ata Karakallio, barrio da localidade finlandesa de Espoo, situada a media hora de Helsinki, chegou o traballo de Juan Rivas (Pontevedra, 1974). O creador iniciou en 2014 un proxecto persoal de pintura efémera ao aire libre que o levou a percorrer Galicia debuxando distintos espazos do natural en postes, construcións, muros e pedras. Rivas viña fotografando o seu traballo e compartíndoo nas redes sociais. Con esas fotos ten composto tamén algunha exposición. Este ano, o festival de arte público ao aire libre Karakallio Creative (www.karakalliocreative.com) convidouno a intervir alí. Fíxoo entre o 1 e o 11 de agosto. Realizou máis dunha ducia de traballos.

"A diferenza máis importante entre o que viña facendo en Galicia e o que fixen alí é que eles querían que os traballos non fosen efémeros senón permanentes, así que no canto de xiz e ceras empreguei pintura acrílica e outros materiais; no canto de acabar nunha hora levábame tres", explica o autor, que pintou en contadores da luz, postes e caixas de correo. "Mentres que dos traballos que teño feito en Galicia só queda a foto, aquí quedará a obra de forma permanente".

Por este festival finlandés, que se celebra en setembro, xa pasou outro pontevedrés, Isaac Cordal. "Comigo non sei como deron, pero haberá cousa de seis meses contactaron para que participase. E aceptei. Como non podía ir en setembro, fun agora, porque ademais eles o que querían é que quedase como un rexistro do que é o verán en Karakallio. Querían que as pinturas documentasen como era o lugar nos días luminosos, algo que os lembrara no inverno, nos días de neve e escuridade case total durante 24 horas".

A experiencia para Rivas, licenciado en Belas Artes e mestre de Debuxo en Secundaria, foi positiva. "Todo foron facilidades dende que cheguei, tanto para localizar os espazos como para suministrarme o material. Foi unha experiencia fantástica. A xente é encantadora", conta. "É un sitio moi particular, moi interesante. As casas non son demasiado altas. O terreo é máis ben chan. Todo está súper coidado. E o que hai son moitísimas árbores, piñeiros, bidueiros, algún carballo...". Outra cuestión determinante para traballar en Finlandia é a luz. "Pensa que este é un sitio no que o día de San Xoán non se pon o sol. Todo iso fai deste un lugar curioso ".

Comentarios