Abraham Cupeiro: "A música ponte nun estado flow"

O sarriao fascina ao mundo coa recreación de instrumentos históricos rescatando do pasado sons esquecidos que tocan a alma

Abraham Cupeiro.AEP
photo_camera Abraham Cupeiro.AEP

TRAS VARIOS concertos en Costa Rica, Abraham Cupeiro está inmerso xa nunha xira con Carlos Núñez e triunfa co seu último disco, Os sons esquecidos, gravado coa Real Filharmonía de Galicia.

Que conserva daquel neno que empezou tocando os platillos na banda de música de Sarria?

Afortunadamente conservo todo. Sigo tendo ilusión, a música lévame e despois de moitísimos anos sigo sentindo con ela. Aínda así, o debut coa banda tocando os platillos aínda nunca foi superado.

Que atopa nos instrumentos antigos que non teñen os de agora?

Atopo pistas e xeitos de tocar que despois levo aos modernos. Un instrumento antigo é máis imperfecto, pero neses recunchos é onde me gusta moverme, porque aí hai moita sombra e a veces non todo é luz. E, sobre todo, son instrumentos con menos estrés sonoro.

Na imperfección está a beleza?

Si, porque é intrínseco ao ser humano. Chegamos a un punto de tecnoloxía tan alto que case todo ten que ser perfecto: unha foto, unha gravación... A veces nos discos teño unha toma perfecta e utilizo unha que ten fallos porque soa mellor, ten naturalidade.

Ten percorrido moitos pobos na busca de instrumentos doutras épocas e doutras culturas. Cantos pode ter xa na súa casa?

Non sei, 200 posiblemente haxa. Acabo de rematar outro no taller, de Costa Rica viñen con once ou doce... O outro día en Madrid tamén apareceu un señor con dous, un deles unha frauta dunha tibia humana de Etiopía, a cal vou ceder a un museo en canto poida.

Que sente cando no seu taller lle devolve a vida a algún instrumento que estaba esquecido?

Normalmente cansazo, porque é un traballo moi laborioso. Gozo deles cando pasan un par de meses. Xusto cando acabas, como estás no fragor na batalla non lle dás aprecio, aínda que si aprecio cando resolvo algunha dificultade técnica porque son autodidacta. Nese senso son tan autoesixente que teño a desgraza de non gozar moito das cousas.

O momento do debut sendo neno coa banda de música de Sarria tocando os platillos aínda nunca foi superado



A partir da imaxe dunha moeda romana reconstruíu o karnyx, unha gran trompeta céltica de guerra. É o seu instrumento fetiche?

É o gancho, o instrumento simbólico de todo isto, porque ten unha morfoloxía e unha posta en escena moi potente. O que me gusta é o seu son, a xente cando o escoita queda un pouco como hipnotizada. Abriume moitas portas, pero para min é importante a corna que Carlos Tallón atopou nun monte de Sarria e que ten un son que vai directo á alma. Pensar que a audiencia que tivo ese pastor con ese instrumento eran só as súas cabras e agora o levamos por escenarios de todo o mundo non deixa de ser unha sorte de película tipo Amelie, nas que as cousas moi pequeniñas ás veces son as que máis importancia teñen na vida.

Co seu último disco, Os sons esquecidos, pensaba que o binominio instrumento antigo-orquestra actual ía funcionar tan ben?

Si, porque no 2014 a Orquestra de Cámara Galega invitoume a facer algo con ela. Tiven que compoñer obras dun día para outro e o público reaccionou tan ben que tivemos 17 minutos de aplausos. Aínda así cando empecei a gravar non as tiña todas comigo, porque sempre teño a inseguridade de que as cousas funcionen e iso o que che dá é que sobes ao escenario ao 300%.

Escoiteille dicir nunha das súas actuacións que se un político tivese a responsabilidade dun músico de sinfónica outro galo cantaría...

Diríao desta forma: se os políticos tiveran a metade de vergoña que ten un músico de orquestra todo funcionaría moito mellor. Iso podémolo entroncar con para que serve a música. Recordo canto tocaba na banda de Sarria, da xente nova moitos eramos 'quinquis' pero cando ías tocar eras responsable, poñías o traxe e sentíaste orgulloso. A música ten que estar na vida das persoas. Incluso cando non te atopas ben é desas actividades que te pón nun estado flow. É como facer unha especie de ioga.

Como creador do himno da Muralla, pódenos dicir a que soa?

Podo dicir a que soan os protagonistas. Usamos un corno de Pompeia que fomos medir ao museo de Nápoles e que construímos. É a primeira banda sonora de temática romana que se grava con instrumentos que existían nese momento. Agora un dos proxectos que teño é facer música do futuro con instrumentos creados.

Realmente é un home que viaxa no tempo.

Mellor dito, podería ser un home que escapa do presente. Cando estou entretido buscando no pasado ou intentando explorar o futuro non estou pensando nunha vida cotiá e a min iso axúdame moito.

Unha persoa cunha formación musical tan ampla... que escoita cando vai no coche?

Non teño ningún tipo de prexuízo cara ningún tipo de música. Creo que, como na vida, hai que ter unha segunda oportunidade para escoitar as cousas. Escoito de todo: pop, zarzuela, moito jazz...

E que opina de fenómenos coma o Despacito?

Non me molesta que teñan éxito, o que molesta é por que o teñen. Escóitao moita xente porque sae moitas veces nos medios. Iso poden ser músicas maioritarias porque as escoita moita xente, o que facemos os demais non son minoritarias, son minorizadas.

A piques de pechar un ano tan importante na súa traxectoria, que lle pide ao 2018?

A miña cabeza é como unha locomotora, sigo traballando. Espero consolidar todo isto que veu, organizalo ben e estabilizalo. Pero volvo ao principio, eu cando tocaba os platillos era feliz e esa experiencia non a volverei ter na miña vida

Comentarios