Acción e efecto de interferir no espazo público

Seis creadoras interveñen en lugares físicos e dixitais de Pontevedra dentro do macroproxecto de arte gráfica O múltiple ocupa o espazo ▶ A portada de Diario de Pontevedra en formato papel sufrirá unha acción dende mañá e durante sete domingos consecutivos
Intervención de Ampparito na Praza da Pedreira. RAFA FARIÑA
photo_camera Intervención de Ampparito na Praza da Pedreira. RAFA FARIÑA

Lucía Romaní, Susana Blasco, Ampparito, Ana Soler, Sara Piñeiro e Sabrina Fernández Casas son as seis creadoras que participan no macroproxecto de arte gráfica contemporánea O múltiple ocupa o espazo realizando intervencións en lugares públicos de Pontevedra, tanto físicos como dixitais. Interferencias é o título que agrupa esta serie de propostas, que se suman ás exposicións xa inauguradas no Pazo da Cultura, na sala Manuel Moldes de Belas Artes e na Fundación RAC. Detrás do proxecto están o grupo de investigación dx5 (Digital & Graphic Art Research) e a profesora da Universidade de Vigo que o dirixe, Ana Soler.

Intervención de Lucía Romaní nun sinal de tráfico do barrio de San Roque. RAFA FARIÑA
Intervención de Lucía Romaní nun sinal de tráfico do barrio de San Roque. RAFA FARIÑA

Lucía Romaní conduciu este venres unha visita guiada por algunhas das accións que se poden ver estes días no espazo público pontevedrés. Unha delas foi realizada por ela mesma na rotonda do barrio de San Roque. Na parte traseira dos sinais de tráfico que rodean esa glorieta, a creadora pegou unha serie de vinilos con números e figuras en azul, branco, vermello e negro. "Se trata de descontextualizar la señalética y convertirla en un bosque de juegos", contou.

Susana Blasco é a autora dunha intervención nun valo publicitario na Avenida de Marín. No seu caso, mesturando procesos dixitais e analóxicos, reproduciu a fotografía dunha muller, que despois desestruturou para reflexionar sobre cuestións como a identidade.

A estas dúas accións súmanse as realizadas pola xa mencionada Ana Soler, preto do Pazo da Cultura, e os carteis que colocou Ampparito por distintos espazos da cidade, fundamentalmente en coches. Neles podíase ler "No hay nada de valor". Esta proposta dálle continuidade a un proxecto do artista a partir dos carteis que os propietarios colocan realmente en vehículos avisando de que dentro non hai nada valioso. O creador español realizou unha serie numerada de 700 pequenas serigrafías asinadas que repartiu por puntos estratéxicos de Pontevedra. O traballo, que incluíu tamén a colocación dunha tea co mesmo lema enriba dun cabalo e de pequenas placas noutros lugares como a Praza da Pedreira, complétase coa documentación da repercusión da acción.

Interferencias rematará coas intervencións de Sara Piñeiro no perfil de Instagram do Concello; do grupo dx5, en pantallas dixitais informativas da cidade e de Sabrina Fernández, no Diario de Pontevedra. Esta última será visible na portada da edición en papel dende este día 12 de maio e durante sete domingos consecutivos. 

Comentarios