Achegas de Héitor Picallo á exposición do Pergamiño Vindel

Unha augatinta do artista cuntiense figura na mostra que se celebra en Vigo e outras cinco aparecen no catálogo

Parte superior do debuxo, que representa ao Cristo Salvador da igrexa de Santiago de Vigo.DP
photo_camera Parte superior do debuxo, que representa ao Cristo Salvador da igrexa de Santiago de Vigo. DP

Unha obra exposta ao carón do Pergamiño Vindel —concretamente á súa esquerda— é unha augatinta de 35x105 centímetros, que foi elaborada polo artista de Cuntis Héitor Picallo en lámina de algodón de 640 gramos.

Na técnica do debuxo arqueolóxico, o seu creador intentou representar con minuciosidade e proporción o Cristo Salvador que, procedente do parteluz da igrexa de Santiago de Vigo, hogano se conserva no Museo Arqueológico Nacional (Madrid).

"A peza orixinal, esculpida en mármore, é riquísima na decoración dos mantos do Cristo, o cal esmaga cos seus pés posiblemente un león e un dragón, símbolos do mal", subliña o seu autor.

Este é un testemuño iconográfico que califica de "magnífico", da escultura do século XII e comezos da centuria seguinte, procedente da Escola do Mestre Mateo, "xa que conserva evidentes similitudes con varias figuras do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela", argumenta Héitor Picallo.

Na obra distínguense con nitidez a inscrición da aureola (na que se indica: Ego sum alfa et omega) e aqueloutra que se le no libro aberto que terma o Cristo coa axuda da man esquerda e o peito (Deus EternusOmnipotensetClemensOmniaqueGubernans)

O polifacético creador está presente nun dos acontecementos culturais más sobranceiros dos últimos anos en Galicia



Mais esta non é a única peza elaborada por Picallo para esta exposición que se está celebrando no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, pois outras cinco, realizadas coa mesma técnica da augatinta, aparecen no catálogo que se editou ex profeso para esta ocasión.

No apartado que o musicólogo Carlos Villanueva destina a O Pergamiño Vindel e a súa música aparecen, entre outras imaxes, tres esculturas reproducidas polo cuntiense: un gaiteiro esculpido nunha das nervaduras do templo conventual de San Francisco de Betanzos, un músico que toca a viola e se conserva entre as arquivoltas do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro (Silleda) e outro que sostén un instrumento semellante ao anterior, e que ten o seu orixinal en pedra na igrexa estradense de Santiago de Tabeirós.

David Chao Castro, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago, encárgase da Exempla e poética na iconografía profana medieval galega (séculos XII-XIII), estudo no que figuran outras dúas augatintas de Picallo.

As pezas que reproduce proceden da fachada norte da Catedral de Compostela, aínda que con posterioridade se embutiron na das Praterías. Nos debuxos obsérvase un Saxitario ou Centauro que lanza frechas a unha serea. Esta, coa súa man esquerda, terma dun peixe e, coa dereita, un olifante. Esa muller ictioforme, tan característica na iconografía galega, ve traspasado o seu corpo por un dos cogomelos que guinda esoutro ser fantástico.

Comentarios