A actriz e dramaturga Imma António lerá o manifesto na gala dos XXI Premios María Casares

A intérprete intervirá durante a gala conducida por Pepo Suevos o próximo 29 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña. No seu texto declara que o teatro e a cultura "son dereitos humanos básicos que cómpre defender"
Imma António
photo_camera Imma António

A dramaturga e actriz Imma António será a encargada de redactar e ler o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares. Deste xeito, Imma António subirá o vindeiro mércores 29 de marzo ao escenario do Teatro Rosalía Castro para ler o seu texto, tal e como en edicións anteriores fixeron os xornalistas Camilo Franco e Montse Dopico, o historiador Ramón Villares –presidente do Consello da Cultura Galega–, a escritora María Xosé Queizán, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín –ex presidente da Real Academia Galega– ou o poeta Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG).

A Xunta Directiva da AAAG decidiu encargarlle o texto a Imma António por ser unha intérprete de longo percorrido e unha das primeiras mulleres que en Galicia se centrou na escrita dramática, sendo así unha auténtica pioneira no sector.

No Manifesto titulado Quen hai aí?, Imma António asegura que "o teatro porfía en saber quen hai nas entrañas da nosa humanidade, quen hai en nós mesmas na nosa soidade, quen hai na outredade que atopamos na sociedade da que formamos parte". Nesa mesma liña, António insiste en que dende o teatro "examinamos con minucia o ser que somos, non só para coñecer a verdade que o fai, tamén para transformalo". "Esa é a responsabilidade que asumimos cada vez que subimos a un escenario, sabendo que é un exercicio implacable pero necesario", explica António, antes de concluír que "o teatro e a cultura" son polo tanto "dereitos humanos básicos que cómpre defender".

O manifesto será lido o próximo 29 de marzo durante a gala duns XXI Premios María Casares nos que un total de 13 espectáculos compiten nas 14 categorías. O Tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, aspira a 11 galardóns; Eroski Paraíso, de Chévere, opta a 8 premios; mentres que Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, compiten por cinco premios. A gala será presentada e dirixida por Pepo Suevo e nela, entregaráselle o Premio de Honra Marisa Soto a Eduardo Alonso.

Os premios do teatro contan co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón ou Gadis. A gala será emitida en directo por streaming a través da web da TVG e en diferido pola TVG.

Comentarios