Lunes. 10.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 10.12.2018
El tiempo

MAYKA BRAÑA, ACTRIZ

"Encantaríame interpretar un papel de mala"

Despois de 14 anos, a intérprete marinense despídese do personaxe de Sara Cebrián. Os espectadores da TVG elixirán o seu final en Facebook

A actriz marinense Mayka Braña. GUILLERMO LÓPEZCantos capítulos lle quedan á serie Pazo de familia?
Nada: tres capítulos. E remata.

Comezou a emitirse en 2014, pero vostede leva dándolle vida ao personaxe de Sara Cebrián dende 2005, en Libro de familia.
En realidade, comecei a gravar Libro en outubro de 2004. Así que levo 14 anos con ela.

Está desexando librarse de Sara ou vaina botar en falta despois de tanto tempo?
Chegado este momento, teño ganas de dicirlle adeus. Sempre vou estar agradecida por terlle dado vida a través do meu corpo, dos meus ollos e dos meus xestos, pero penso que é o momento de despedirnos. Amablemente, con todo o agarimo do mundo, pero despedirnos á fin e ao cabo.

Poucos personaxes das ficcións da Televisión de Galicia (TVG) como este conseguiron facerse co afecto do público durante tantos anos.
Facíase querer. Eu notábao pola rúa. Penso que vai quedar no recordo do público durante moitos anos. Calquera persoa que vira algunha vez un capítulo de Libro ou de Pazo lembrará seguro un personaxe tan bo e tan nobre.

As dúas series tiveron un tremendo éxito de audiencia. Pazo de familia foi o máis visto en Galicia en moitas ocasións. De feito, agora mesmo, no seu regreso, volveuno ser superando a programas como Operación Triunfo (con 108.000 espectadores, o 14 de novembro).
E con Libro de familia chegamos a máximos de 38% de share [cota de pantalla]. Unha barbaridade imposible de repetir hoxe en día. Eses temas cambiaron moito. Igual que cambiou moito o xeito de traballar. Antes igual estabas gravando nove meses ao ano. Podías vivir tranquilamente disto. Pero o que antes se facía en catro meses, agora faise en dous. Vai todo moitísimo máis rápido. Como digo, as cousas cambiaron moito. Hoxe en día, moita xente prefire ver os capítulos por internet, ao seu ritmo. Aquelas porcentaxes de audiencia que tiñamos hai dez anos eu creo que agora non as teñen nin os telexornais, que son o máis visto da TVG. Non sei como anda o Land Rober...

Chegou a ter un pico de máis do 30% cando falou con Julio Iglesias (xuño de 2017: 634.000 espectadores). Pero a media debe andar por debaixo do 20%.
Aí está, ao pé do cañón. Pero iso é entretemento. A ficción é outro mundo. Cambiou moitísimo o xeito de consumila.

Sexa sincera: non era demasiado boíña Sara? Non lle tería gustado que os guionistas lle désen algo máis de caña a esta muller?
Ai, claro. De feito, pedino! Xa en Libro de familia, case dende o principio. Loitei moitísimo por que este personaxe fose diferente. Pero non podía ser. Naquela serie os protagonistas principais eran os personaxes masculinos. Era así. Sara estaba concibida como un soporte de Manuel, como o seu apoio. Non só del, en realidade, porque ela era a que sostiña a familia, a que estaba para todo o mundo... Pero sen reclamar nunca nada para si mesma.

"Sempre vou estar agradecida por terlle dado vida a Sara, pero chegou o momento de dicirlle adeus. E adeus para sempre"

Era unha santa!
Eu rebeleime moito, xa che digo, pero tamén entendía que a serie intentaba captar un espírito dun tempo e dun espazo no que as cousas eran así. Agora ben, cando aos poucos meses de rematar Libro de familia chamáronme para facer o spin-off [serie creada a partir dunha xa existente], o primeiro que se facía en Galicia e o segundo en España despois de Aída, avisei: a esta muller téñenlle que empezar a pasar cousas. Se non, non o facía. E pasáronlle cousas.

Cal foi o gran amor de Sara Cebrián, Manuel ou Emilio?
Ai, que pregunta! A ver... (pénsao). Veña, voume mollar e dicir que Manuel. Porque foi primeiro, o pai dos seus fillos. E iso que lle fallou, e de que maneira, nun momento dado. Pero é que Emilio é un camándula que vai e vén (ri). Manuel é un personaxe fundamental para Sara. Vaise ver incluso agora no final de Pazo.

Libro de familia era una serie máis familiar, o noso Cuéntame, se dicía daquela, pero Pazo de familia veu a derivar nunha sorte de thriller.
E fíxate que non naceu para nada con esa intención. Naceu coa intención de seguir a historia de amor entre a cociñeira e o señor da casa, entre esas dúas clases sociais, pero si que acabaron impoñéndose as tramas das intrigas e esas cousas. Os actores chegamos a bromear con quen era ao que lle tocaba morrer en cada capítulo. Parte da graza da serie está en como conseguiu mesturar romance, drama e comedia.

A serie foi o primeiro spin-off da TVG. E vai ser a primeira que lle pida ao público que vote o final. Os seguidores poderán elixir no Facebook entre dúas opcións e a que reciba máis votos será a que se emita.
Eu creo que a xente vai escoller o final feliz. Os seguidores queren que Sara e Emilio acaben xuntos e sexan felices. Pero váiselle dar unha alternativa. Eu bromeo moito cos meus amigos sobre a posibilidade de que gañe esta outra opción. Sería toda unha sorpresa! De calquera maneira, hai que dicir que a serie acaba aquí. Eu non vou volver interpretar a Sara. Este é un adeus para sempre.

Hai pouco participou na serie Servir y proteger (TVE). Que lle apetece facer agora?
Pois agora mesmo estou escribindo un guión para unha serie. Despois, gustaríame traballar en Galicia. Esa é a miña prioridade. Agora ben, se só me van ofrecer papeis como este que fixen tantos anos ou parecidos, terei que marchar. Estou preparada para facer outra cousa. Por apetecer, apetéceme un personaxe chungo, de psicópata, de mala. Encantaríame!

"Encantaríame interpretar un papel de mala"
Comentarios