Adeus ao escritor Isidro Novo, que era «poeta, mago ou unha cousa desas»

O autor, que morreu onte no seu Lugo natal aos 66 anos, foi narrador, poeta, tradutor. Seá homenaxeado cun breve recital poética en la tarde de este viernes antes de que os seu corpo sexa incinerado

LUGO. Loli de Ferrol lembraba onte que o seu home, Isidro Novo, gustaba de «fregar follas de limóns coas mans para olelas, o olor de limoeiro era o seu favorito». Isidro Novo «desfrutou dos olores, das cores, dos sabores e das palabras» durante toda a súa existencia.

Na mañá de onte o seu corazón detívose mentres estaba na súa casa de Lugo. Os amigos recitarán varios poemas do seu derradeiro poemario ás seis desta tarde no tanatorio Velatorios Lucenses, de Lugo. Unha hora máis tarde o seu corpo será incinerado.

Isidro Novo foi un investigador da vida dende que naceu no San Froilán -o día máis lucense- de 1951. No campo da palabra fixo cultivos de todas as especies: narrativa -adulta e xuvenil-, poesía, tradución e ensaio. Aínda que, sobre todo, foi un salvador de léxico. Buscaba palabras para curalas e devolvelas ao falar común.

O escritor Xosé Miranda conta que a definición que máis lle honraba foi unha que lle fixo un cliente insistente do bar que tivo, O Coiro Duro. «Isidro, ti es poeta, mago ou unha cousa desas», caracterizárao aquel homiño que non se separaba da barra.

E poeta era, pero tamén mago. Loli de Ferrol lembra que, dentro do seu multiverso de intereses, tamén quixo ser actor. Isidro Novo vestía de cores -especialmente de granate- para celebrar a vida, pero «vestía de negro para os recitais de poesía». O motivo era que «quería que os espectadores estivesen atentos unicamente á súa voz». Fóra dos escenarios dramáticos, no escenario do mundo, adornábase con fulares e enriquecía os seus pantalóns con parches de cores vivas; sempre en atenta combinación cos zapatos que calzase aquel día.

POLAFÍAS. Antonio Reigosa e máis el reuníanse cada semana para manter en marcha a roda de actos literarios que promovían. Podían ser polafías, días de Rosalía, revistas orais, recitais polo San Froilán ou xornadas de literatura. Ambos os dous mantiñan en movimento a norea da literatura galega na cidade.

Ambos os escritores percorreron xuntos o país para alentar a palabra viva. Reigosa era quen conducía. «Moitas multas por exceso de velocidade me teñen posto por ir distraído falando con el!», lembraba onte o escritor.

Loli de Ferrol Viúva
«Isidro desfrutou dos olores, das cores e dos sabores e  das palabras durante toda a súa existencia»

Antonio Reigosa Escritor
«Isidro sentía devoción polo fútbol que facía o Barcelona. Gustáballe o fútbol elegante, era un esteta ata niso»

Quique Bordell Pintor
«Cada día dos últimos vinte anos, ás doce da mañá, subía ao meu estyudo e falabamos de temas como a física cuántica»

A maiores do amor pola literatura había un sentimento notable que os facía comungar: o antimadridismo. O seu amigo explica que, por riba desa ironía deportiva, estaba «a devoción de Isidro polo Celta e polo fútbol que facía o Barcelona. Gustáballe o fútbol elegante, era un esteta ata niso».

O escritor falecido era un entendido porque xogara no Iris de Magoi como extremo esquerdo. Paco Martín, agora escritor reputado e en tempos gardameta seguro desa escuadra lucense, comenta que non era fácil xogar no Iris «porque imitaban ao Athletic de Bilbao e soamente xogabamos os de Magoi». Co tempo, rendéronse ás esixencias do campionato de Modestos e abríronse a fichas de toda a cidade.

Isidro Novo vivía «nun carril que daba a Lamas de Prado e que hoxe é a rúa Mondoñedo, cerca da miña casa», apunta Xosé Miranda. Aquel Lugo dos anos 60 «era un Lugo moi distinto: xogabamos ao fútbol no medio da rúa porque case que non pasaban coches e as beirarrúas eran de terra».

Dese barrio lucense marchou o escritor finado onte para estudar Ciencias Sociais en Santiago. «Era moi novo, xa tiña o Preu con 16 anos», salienta Loli de Ferrol, «pero tivo mala sorte porque lle morreu o pai cando era novo e tivo que empezar a traballar». Empregouse como administrativo nunha empresa de autobuses, «polo que tivo que deixar os estudos porque non lle pasaban os apuntamentos e tamén tivo que deixar o teatro porque poñían os ensaios ás catro da tarde, cando el estaba no traballo», sinala a súa viúva.

VIVEIRO. Por volta daqueles anos, Loli desprazárase dende o seu Ferrol natal a Viveiro para coñecer a Semana Santa e coñeceu a Isidro, que tiña a súa orixe na cidade. «Dende aquela, hai 45 anos, non nos separamos; eramos o un para o outro», lamentaba ela onte.

Despois de casaren, Isidro empregouse nunha gasolineira, onde traballou moitos anos como administrativo ata que decidiu investigar no viño. «El quería coñecer os viñedos e as adegas, e pensou que podería facelo montando un bar; pero atender un bar é unha cousa distinta do que pensaba». Obriga a aturar clientes como o home que o consideraba «poeta ou mago», aínda que non todos amosasaban tanta chispa. Tardou nove meses en defraudarse e pechar.

Esa decepción non lle fixo desistir do seu interese polos bares e menos da fascinación que lle espertaba a amizade. O pintor Quique Bordell destacaba onte pola noite, aínda ferido pola perda, que «cada día dos últimos vinte anos ás doce da mañá» o seu amigo poeta subía ao seu estudo en Campo Castelo con dous cafés fumegando nas súas mans anchas.

As conversas diarias entre ambos os dous rondaban «esa realidade difusa que é o multiverso». O multiverso non é unha figura poética, senón unha especulación da física cuántica, un tema que apaxioaba a Isidro Novo. Era outra das súas multicuriosidades.

Comentarios