Adral dun tempo novo

O bisneto de Xosé Filgueira Valverde, Xacobe Medina, publica o seu segundo libro, 'Adral da filosofía', unha recompilación de artigos sobre temas diversos, da lingua ao feminismo ▶Preséntao o 15 de decembro no Museo de Pontevedra acompañado por Fina Casalderrey

Xacobe Medina co seu novo libro nas mans, en Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Xacobe Medina co seu novo libro nas mans, en Pontevedra. RAFA FARIÑA

A filosofía pesa moito na vida de Xacobe Medina (Pontevedra, 2000). O bisneto de Xosé Filgueira Valverde debutou no eido literario a comezos deste ano con La vida actual según los dioses (autoeditado), un libro no que poñía a dialogar a un mozo de 17 anos con Dionisio e Apolo. Daquela encaraba o final dos seus estudos no IES A Xunqueira II. Agora, xa matriculado no Grao en Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Medina publica o seu segundo traballo, Adral da filosofía (autoeditado), un volume que recompila unha serie de artigos sobre temas diversos, da lingua ao feminismo pasando pola arte. "Volvinme autoeditar porque me gustan as cousas rápidas. Non son moito de ter que agardar". Presentarao o sábado 15 de decembro (19.30 horas, entrada libre) no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Estará acompañado pola escritora e académica Fina Casalderrey.

Se aquela primeira obra estaba adicada a dous mestres que o marcaron profundamente, "porque tiñan un compromiso moi profundo co alumnado", Sergio Heredia (violín) e Francisco Villamil (latín), desta vez outro mestre, J.V. Carballido, é o encargado do prólogo. "Neste caso non foi profesor meu, senón que se trata dun compañeiro de miña nai".

A familia está moi presente tamén nesta obra, na que o propio título homenaxea ao bisavó. Os Adrais, de Filgueira Valverde, están considerados unha das obras cume da lingua galega. Recompilaban os artigos sobre distintos temas escritos polo polígrafo. Xacobe Medina faille aquí unha homenaxe. "Quería reunir nun mesmo volume un conxunto de textos nos que trato diferentes temas dende un punto de vista filosófico, pero sen gran profundidade, ao estilo de artigos xornalísticos. Son pequenas reflexións que podía escribir durante os periodos de tempo libre que me deixaba o instituto e o conservatorio", explica.

Por outra parte, está a adicatoria á súa avoa materna e filla de Filgueira, Teresa, unha figura clave na vida de Xacobe Medina. "Á memoria de Tere Filgueira, por todo o que vivimos e o que nos quedou por vivir", escríbelle.

PENSAMENTO. "Creo que, por primeira vez, un estudante de Segundo de Bacharelato reúne o seu pensamento sobre distintas cuestións educativas nun libro. Ofrécese unha visión do sistema dende abaixo, non dende arriba", indica o autor. "O obxectivo sería achegar a filosofía á sociedade de hoxe en día. Existe un compromiso coa actualidade. Se se afastase do que sucede, non tería sentido".

Co Grao en Filosofía comezado, Medina agarda poder aprobar o primeiro curso para matricularse tamén en Musicología na Universidad Alfonso X El Sabio (UAX) e así seguir formándose no mundo da música, a súa outra gran paixón. "Agora mesmo estou compoñendo bastante coa guitarra. De feito, na presentación do libro interpretarei algún tema". Ao tempo, forma parte da Orquestra da USC.

E segue escribindo. "Estou traballando noutra historia, unhas memorias ficticias dun mestre. Quizais me achegue por primeira vez un pouco á narrativa".