lunes. 08.03.2021 |
El tiempo
lunes. 08.03.2021
El tiempo

Afundación actualiza con expertos en arte a páxina web da súa colección

Unha persoa vendo o novo portal de arte de Afundación. GONZALO GARCÍA
Unha persoa vendo o novo portal de arte de Afundación. GONZALO GARCÍA
O crítico e columnista de Diario de Pontevedra Ramón Rozas participa na revisión de textos
A obra social de Abanca, Afundación, vén de actualizar os contidos da web da súa colección de arte (www.afundacion.org/es/coleccion), unha das máis importantes de Galicia. Un grupo de especialistas, entre os que está o crítico e columnista de Diario de Pontevedra Ramón Rozas, realizou a revisión de textos, no que foi "o traballo máis ambicioso realizado desde a creación deste espazo en liña hai máis de 20 anos", indica Afundación.

O proxecto, coordinado pola especialista en Historia da arte Mercedes Rozas e polo equipo da área de Cultura da obra social, incorpora novos textos sobre os máis de 400 artistas presentes na colección. A redacción e revisión da información dispoñible en liña foi un proceso iniciado hai meses que se estenderá ata 2022. "O obxectivo é facilitar aos investigadores e persoas interesadas na arte en xeral novos soportes documentais que contribúan ao seu labor profesional e á unha maior visibilización das obras e os creadores presentes na Colección de Arte de Afundación, declarada Ben de Interese Cultural".

Ademais de Ramón Rozas, outros especialistas que asinan textos na web de Afundación son Javier Pérez Buján, Xose Ramón Fandiño, Fátima Otero, Jose Manuel García Iglesias, Miguel Anxo Seixas, Carlos L. Bernardez, Limia Gardón, Aurelia Balseiro, Eduardo L. Valiña ou Xosé Gómez Alén.

Segundo informa a institución, no proxecto participan tamén dúas consultoras galegas especializadas en arte.

"Os novos textos intégranse na biografía de cada autor desde unha perspectiva máis completa e plural, incorporando reflexións sobre as etapas, influencias, recoñecementos ou características da traxectoria artística de cada un dos nomes abordados", indican os responsables do proxecto. "Ademais revísase e amplíase a bibliografía de cada creador, co obxectivo de ampliar as fontes de información que a web achega ao usuario". A web incorporará progresivamente estes novos contidos.

5.000 OBRAS. Integrada por máis de 5.000 obras, a colección de arte de Afundación cobre as etapas esenciais da arte galega desde o século XIX. A súa relevancia valeulle a declaración de Ben de Interese Cultural por parte da Xunta de Galicia no ano 2015, un recoñecemento que rati?caba desta maneira a importancia dun proxecto iniciado fai máis de cinco décadas.

"A colección naceu coa vocación de apoiar e divulgar o labor dos artistas galegos dentro e fóra das fronteiras da nosa comunidade, coa clara intención de contribuír a incrementar o escaso número de coleccións de arte existentes en Galicia e co propósito de darlle un impulso á creatividade e ao desenvolvemento do mercado galerístico galego", explica Afundación.

Afundación actualiza con expertos en arte a páxina web da súa...
Comentarios
ç