Afundación trae a Diana Navarro, Els Joglars  e Lola Herrera a Pontevedra

A temporada de teatro na capital da provincia inclúe cinco postas en escena entre outubro e decembro
Unha imaxe promocional do musical 'En tierra extraña'.
photo_camera Unha imaxe promocional do musical 'En tierra extraña'.

Actrices e cantantes da talla de Diana Navarro, María Adánez e Lola Herrera son algunhas das protagonistas da primeira parte da temporada teatral de Afundación en Pontevedra, que dará comezo á volta do verán. Entre outubro e decembro, a entidade programou cinco montaxes no seu auditorio da capital da provincia: El sueño de la razón, En tierra extraña, ¡Que salga Aristófanes!, ¡Ay, Carmela! e Adictos.

A venda de abonos de forma física será os días 19, 20 e 21 de xullo, e na web ataquilla.com, do 19 de xullo ao 21 de setembro, segundo informou Afundación. A venda de entradas soltas será a partir do 21 de setembro

A temporada abrirase o 21 de outubro cunha nova adaptación do texto de Buero Vallejo El sueño de la razón. Neste caso, entre os protagonistas da posta en escena está Ana Fernández (Solas), Dirixe José Carlos Plaza, que precisamente tamén está á fronte doutras das montaxes que se poderá ver dentro da programación, ¡Ay, Carmela! María Adánez e Pepón Nieto suben ao escenario para recuperar este clásico do teatro contemporáneo, que tivo unha versión cinematográfica en 1990 a cargo de Carlos Saura. Poderase ver o 1 de decembro.

Unha viaxe musical pola vida de Federico García Lorca, Concha Piquer e Rafael de León da man de Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera é o que propón En tierra extraña, obra dirixida por Juan Carlos Rubio que estará o 4 de novembro en Pontevedra.

Els Joglars subirán ao escenario o 16 de novembro con ¡Que salga Aristófanes!, unha proposta que pon o foco na infantilización do mundo adulto. Finalmente, pechará a tempada a obra Adictos, con Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich. Será o 9 de decembro.

Comentarios