"Aínda queda moito Man por descubrir"

Non coñeceu persoalmente a Man de Camelle, pero posiblemente é unha das persoas que mellor saben da a súa obra. A profesora de Restauración Carmen Hermo é a comisaria da exposición permanente do Museo de Man, que se inaugura este venres en Camariñas. "Man era un romántico, pero tamén un gran creador que fixo da súa vida a súa obra".
Carmen Hermo xunto ás últimas pezas do Museo de Man que permanecen na Escola de Restauración
photo_camera Carmen Hermo xunto ás últimas pezas do Museo de Man que permanecen na Escola de Restauración

O legado de Manfred Gnädinger, Man de Camelle, abandonou a Escola de Restauración de Pontevedra. Despois dun ano de traballo de recuperación de miles de pequenas pezas, a herdanza deste alemán, que viviu durante décadas en Camelle (Camariñas) adicado á arte e á contemplación e que faleceu trala catástrofe do petroleiro Prestige, descansa agora na que será a súa casa: o Museo de Man ou Casa do Alemán, un espazo no que permanecerá en exposición permanente. Unha mestra de Restauración, a artista Carmen Hermo (A Coruña, 1967), é a comisaria desta mostra e unha das máximas responsables do proxecto ‘Man: Mar, Arte e Natureza’, que salvou da súa completa desaparición o legado deste creador irrepetible.

Que é o que se inaugura mañá en Camariñas?

Inaugúrase unha exposición permanente con todo o que Man tiña dentro da súa caseta. Alguén podería pensar que iso é pouca cousa porque estamos falando dun habitáculo de catro por tres metros. Pero resulta que debaixo do chan apareceron moitísimas pezas e unha biblioteca. Temos rexistradas máis de 3.000 pezas: debuxos, pequenas esculturas, libros, todo tipo de ferramentas, paletas, pigmentos, cores, cadernos... Penso que é unha mostra completa sobre Man de Camelle. Ademais tamén se poderá ver unha recreación virtual dalgunhas pezas do xardín-museo hoxe estragadas. Fixemos unha reconstrución en 3D de oito desas obras e unha en 4D da caseta, que permite observar a súa transformación ao longo do tempo. É unha animación que nos permite comprobar como foron mutando a estrutura e as pinturas.

Todo isto vai servir para reivindicar a figura de Man?

É que non se coñece esta parte de Man. O personaxe si. Todo o mundo coñece a ese tolo que vivía espido no espigón de Camelle, en plena Costa da Morte, que morreu despois do que sucedeu co Prestige. Converteuse nunha especie de mártir. Ese era o personaxe, pero hai moito máis, porque todo iso formaba parte dunha obra vital que ía dende o seu corpo e a súa aparencia ata todas as pezas que facía e os escritos que deixou. Estou falando dunha cantidade inxente de material en alemán, por exemplo. Aí o deixo por se alguén quere coller este testemuño. Hai pezas que nos achegan á hipertextualidade, que mesturan fotografía e texto. E todo iso está por estudar. Aínda temos Man oculto para rato. Queda moito por descubrir. Pero o que estamos mostrando é xa moi importante, e non só para el senón tamén para a arte contemporánea. O que nos quedaría agora sería explicalo un pouco mellor. Porque normalmente as exposicións van acompañadas de catálogos que supoñen un achegamento ao artista e á obra. A esta exposición fáltalle isto, pero farémolo, espero.

Cómo foi que tropezou vostede coa obra de Man?

Trala súa morte, xente do Concello de Camariñas e do Parlamento de Galicia púxose en contacto con Antón Sobral e comigo, que eramos mestres da Escola de Restauración de Pontevedra e tiñamos organizado obradoiros e encontros de arte e natureza. Xuntos comezamos a mirar a posibilidade de recuperar a súa memoria e o seu legado. Diso hai 13 anos.

A exposición culmina logo máis dunha década de traballo?

Exactamente.

A xente que pasou pola caseta algunha vez en realidade non coñece máis que unha pequena parte da obra de Man, porque a maioría, como xa dixo, estaba oculta, baixo o chan.

Iso é. Descubrírono unha concelleira e unha técnica do Concello de Camariñas, que foron as encargadas de recoller todo o que deixara alí. Aquilo foi unha actuación de urxencia porque con tempo seguramente se faría doutra maneira: rexistrando graficamente todo aquilo, facendo un inventariado, etc. Pero nese momento gardouse todo rapidamente en caixas para que non se perdese e punto. Era a única prioridade. Foi así, movendo unha táboa do chan, que deron con todo material que había debaixo. Se non chegan a descubrilo e a retiralo, agora mesmo non quedaría nada.

Pero a caseta aínda existe.

Si, si que existe. Hai un proxecto de restauración que está levando Juan Creus, un arquitecto moi involucrado dende o principio coa conservación do legado de Man. A caseta non é un edificio, é outra obra de arte. É outra escultura policromada, que agora está en primeira liña de mar. Man tiña empalizadas e muros para protexela, pero estes últimos anos, despois de dúas cicloxéneses e non sei cantos temporais, todo iso desapareceu e quedou moi desprotexida. Quedan moi poucas pezas en pé. Aínda así, o espazo conserva a maxia. Chegas alí e algo che di que estás nun sitio especial. Todo o que facemos agardamos que sirva para achegarnos a Man e para comprender mellor a dimensión desta obra de arte única.

Única en Galicia, en España, no mundo?

Eu diría que no mundo.

Porque máis que ser un representante do movemento que vincula arte e natureza, Man tamén era un artista pop e cultivaba outros estilos.

Aínda non sabemos o complexo do traballo de Man. Non o sabemos. Como che dicía, nin sequera están analizados os escritos, que abrirían outras dimensións da súa figura. Só observando parte da súa obra, poñamos as cubertas dos pequenos cadernos nos que interviña, xa se aprecia unha evolución do artista que era e que ía dende momentos máis ‘popeiros’ ata outros máis sintéticos pasando por momentos negros. El está aí. A min acabou fascinándome o traballo de Man.

No seu día moi incomprendido, agora vai ter ata unha escultura. Acabará por converterse nunha lenda?

Un pouco xa foi e xa é. O seu falecemento tralo que pasou co Prestige axudou. Man era un romántico, un herdeiro directo do Romanticismo alemán, como diría Antón Castro. Pero era tamén un grande artista contemporáneo que fixo da súa vida a súa obra. Neste sentido, a arte contemporánea segue a ser un pouco elitista. Quen sabe se Man, a través da súa personalidade e da popularidade que acadou, servirá para trazar unha ponte entre os creadores contemporáneos e o público? Ogallá. Porque, aínda que se siga pensando, a arte contemporánea non é algo de rapaces, doado e sen mérito, senón unha cousa moi intelectualizada, que custa facer e que agocha detrás de cada peza todo un mundo ou unha disertación filosófica. Non é ningunha parvada.

Non coñeceu persoalmente a Man de Camelle, pero posiblemente é unha das persoas que mellor saben da a súa obra. A profesora de Restauración Carmen Hermo é a comisaria da exposición permanente do Museo de Man, que se inaugura mañá en Camariñas. "Man era un romántico, pero tamén un gran creador que fixo da súa vida a súa obra".

Comentarios