A arpista Alba Barreiro recupera unha obra de Salvador Bacarisse 90 anos despois

A peza volverá ser interpretada nun concerto exclusivo que terá lugar o 30 de maio no Museo de Pontevedra
A arpista viguesa Alba Barreiro. ©Jerry Noia
photo_camera A arpista viguesa Alba Barreiro. ©Jerry Noia

"Pon os pelos de punta pensar en volvela tocar". A arpista Alba Barreiro (Vigo, 1988) interpretará, o 30 de maio (19.00 horas, entrada libre ata completar cabida), nun concerto exclusivo que terá lugar no Museo de Pontevedra, unha obra que hai 90 anos que non se escoita. Trátase da Sonata en trío op. 13ª, de Salvador Bacarisse.

"Contrapuntos é un concerto homenaxe ao exilio republicano", explica a intérprete. Por iso, a proposta incluirá unha conexión en directo con París para falar con Salvador Bacarisse Cuadrado, fillo do compositor homenaxeado, que ten 100 anos de idade. Naceu en Madrid en 1923. "O seu é un testemuño moi interesante e de primeira man do exilio, porque el cruzou a fronteira a pé co seu pai. É unha persoa que ademais pode falar, a través da súa experiencia directa, do que foi a loita contra o franquismo dende o ámbito cultural". Bacarisse Cuadrado lembrará, entre outras cousas, como chegou a París co seu pai portando unicamente uns billeste de República e uns manuscritos musicais, que na actualidade conserva a Fundación Juan March, onde foron estudados por Alba Barreiro. 

Salvador Bacarisse © Fundación Juan March
Salvador Bacarisse © Fundación Juan March

Bacarisse foi un membro destacado do republicanismo no exilio. "Era un dos integrantes do coñecido como Grupo de los ocho", apunta Alba Barreiro. Este grupo viña a ser o equivalente no eido musical á Xeración do 27 no literario. Xunto a Bacarisse integrábano Ernesto Halffter e o seu irmán Rodolfo, Juan José Mantecón, Julián Bautista, Fernando Remacha, Rosa García Ascot e Gustavo Pittaluga. "Eran os compositores punteiros da época. Estaban moi ligados a figuras como a de Lorca. Representan toda esa música que puido ser e non foi". 

Alba Barreiro cruzouse con esta figura destacada da música española en dúas ocasións diferentes. A primeira foi traballando sobre o galego Jesús Bal y Gay, que era moi próximo ao Grupo de los ocho porque a súa muller, Rosa García Ascot, formaba parte del. "Pero nese momento non profundicei demasiado nel", lembra. "Distinto foi cando empecei a investigar sobre a figura de Nicanor Zabaleta, un arpista importante, o único concertista puro de arpa do século XX. Deu concertos por todo o mundo e foi alguén que ampliou moito o repertorio do instrumento porque moitos compositores escribiron para el. Como Bacarisse. Por iso volvín tropezar con el e aí si que xa me involucrei máis". 

Bacarisse escribiu 17 obras para arpa. "Foi o compositor non artista que máis obra escribiu para este instrumento. Por iso é tamén tan especial para min. A Zabaleta en concreto escribiulle seis". Unha delas é a Sonata en trío, a que soará no Museo a semana que vén. "Podemos dicir que a imos reestrear porque é unha peza que só se puido escoitar en Unión Radio, o 12 de marzo de 1932, nun concerto organizado polo propio Bacarisse. Leva 90 anos sen soar". 

Alba Barreiro estará acompañada pola violonchelista Margarida Mariño e polo frautista Pablo Díaz. Ademais da obra de Bacarisse tamén interpretarán Tres pezas, de Jesús Bal y Gay. 

A actividade está comisariada por outro músico e investigador interesado en profundizar no legado musical do exilio republicano, Samuel Diz. O tudense ofrecera no verán de 2021 un concerto no mesmo Museo coa réplica da guitarra de Lorca. "Coñecémonos precisamente investigando. El é un gran experto nesta época. Axudoume moito nas miñas pesquisas e foi o principal impulsor do rescate desta peza neste momento".

Comentarios