Alba Domínguez Serén: "O videoclip é un formato do máis interesante"

O primeiro videoclip que gravou a cineasta foi o seu traballo de fin de grao en Comunicación Audiovisual. Era para Verto. Acaba de ser seleccionado no Festival de Cans.

Generated by  IJG JPEG LibraryGenerated by  IJG JPEG Library
Alba Domínguez Serén (Meaño, 1997) nunha foto facilitada por ela mesma. DP

É finalista no Festival de Cans na categoría de mellor videoclip por Todo o que che din, de Verto. 
Faime moita ilusión! Porque foi o primeiro videoclip que fixen e porque é a primeira vez que me seleccionan por un, aínda que con algunha curta experimental que fixen xa estivera en Indie Lisboa e algún outro lado. Pero cun videoclip é a primera que me seleccionan. Como ademais este foi o meu traballo de fin de grao (TFG), aí en Pontevedra, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, téñolle moito agarimo. É especial. Por enriba, estou no festival cunha chea de xente á que admiro moito. 

Porque este era efectivamente o seu primeiro videoclip. 
Si. Tiña participado noutros como directora de fotografía ou ocupándome da montaxe, pero como directora este foi o primeiro. 

Foi o seu TFG, como dicía, e para facelo escolleu aos Verto. Como foi isto? Como contactaron? 
Fun eu a que contactei con eles. Porque naquel momento era un dos meus grupos favoritos. Tiña que facer o traballo en plena pandemia e lanceime a mandarlles un correo electrónico, enlazarlles algunha cousa que xa tiña feita e ver se saía a colaboración. E efectivamente saíu. A verdade é que foi todo moi fluído, moi guai, porque ademais déronme liberdade creativa total. 

A paisaxe é importante en Todo o que che din. Os escenarios son de Pontevedra? 
O único que me pediron os Verto foi que o videoclip estivese ambientado no universo musical da canción, que tivese ese rollo disco, eses tintes dos anos 80 e 90. Así que para desenvolver esa estética busquei sitios preto. As localizacións son no concello de Meaño e no concello de Sanxenxo. E tratei de que non tivesen ningunha referencia actual, como me tiñan pedido. Así que tirei pola paisaxe industrial, tamén polo espazo baleiro. E os interiores tamén están escollidos a conciencia para que remitisen a ese momento que eles querían. 

Admiro moitísimo a meu irmán. Pódese dicir que a metade do que levo aprendido ata o de agora é grazas a el

Á parte da paisaxe, destaca a química entre os actores. Foi difícil escollelos? 
Dei con eles tamén por casualidade. Tampouco estaba buscando perfís concretos. A un deles, a Tarik [En-Nabbar], xa o coñecía de vista e de ter falado un par de veces con el. Tiña feito traballos de modelaxe, aínda que nunca de interpretación. De feito, eu descubrino a través dunha fashion film. Co outro actor, Alin, dei directamente por Instagram. Escribinlle e díxenlle Mira, temos este proxecto. Interesaríache? Contestou que si. E xa tiramos para adiante. Que estas cousas saian á primeira é dificilísimo, pero neste caso conseguímolo. Nese sentido foi xenial. Porque ademais tiñamos bastante présa, polas condicións da pandemia, polas restricións, e porque me demorei un pouco en formular o TFG. Así que despois tiñamos unhas datas concretas para facelo, bastante apurados. A maiores, ata o momento da gravación só puideramos reunirnos a través de videochamadas. A verdade é que tiven moita sorte. 

Este videoclip vai ser o primeiro de moitos ou na súa carreira pensa tirar por outro lado? 
A verdade é que xa levo dous. Recentemente dirixín o segundo. Porque cando Verto anunciaron que se tomaban un descanso, un dos seus integrantes, Berto, lanzou o seu proxecto en solitario. Hai un mes sacou un videoclip e volvino dirixir eu. É o do tema ‘Alma’, que canta con Mariña Paz. A da miña relación co videoclip é unha historia moi bonita, en verdade. Porque o descubrín antes mesmo que a montaxe, que digamos que é a miña inclinación natural no ámbito audiovisual. Foi nun Erasmus en Lisboa e namorei. É un formato que me encanta. Ábreche moitísimas posibilidades e funciona cun fluxo de traballo diferente. Supón unha colaboración interactiva con algo que xa está feito previamente, unha canción. Gústame moito. É un formato moito menos encorsetado que outros. A min paréceme do máis interesante. Claro que quero facer moitos máis. 

É un formato máis libre que outros? 
A min a ficción gústame moitísimo, pero o videoclip ten esa particularidade de deixarche probar cousas e de ver ata onde podes chegar con elas. Ademais adoitan ser prazos curtos de traballo con resultados case inmediatos. Despois, a título persoal, podo dicir que sinto que os videoclips me teñen axudado moito a madurar profesionalmente. 

Vostede formouse na Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Respondeu ás súas expectativas o paso por este centro? Foi importante para vostede pasar por el? 
Si, eu diría que si. A verdade é que me metín na carreira sen saber moi ben que ía atopar. Pero si que considero que foi unha experiencia moi positiva. Por un lado, Comunicación Audiovisual está bastante orientada á práctica e iso lévate a tocar moitos paus. Por outro, sérveche para construír unha rede de amigos e de compañeiros con intereses comúns, que ao final é case o máis importante. 

O seu irmán é tamén cineasta, Eloy Domínguez Serén. É unha influencia importante ou non teñen nada que ver? 
Si, claro que é unha influencia importante. A metade do que levo aprendido ata agora é grazas a el. E non me refiro a cuestións técnicas nin moito menos. Tiven a oportunidade de compartir con el moitos procesos creativos e de todo iso aprendín moitísimo. a á Admíroo moitísimo.

Comentarios