'Alba de gloria' en realidade virtual

O Consello da Cultura Galega recrea o último gran discurso de Castelao empregando tecnoloxía avanzada

Castelao

Alba de Gloria cobra vida. Unha proposta expositiva multimedia do Consello da Cultura Galega (CCG) permite mergullarse no contido do último gran discurso de Castelao grazas á realidade virtual. A proclama foi realizada no festival do Centro Gallego no Teatro Argentino co gallo do Día de Galiza, o 25 de xullo de 1948. A mostra do CCG, comisariada por Manuel Gago, inaugurarase o mércores 7 de novembro e poderá visitarse ata o 3 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).

Alba de gloria é un discurso representativo para a cultura galega por numerosos motivos. "Primeiro porque recrea unha singular Santa Compaña, unha grande procesión das figuras determinantes na creación da identidade de Galicia", explica o CCG. "Segundo, porque é o mellor e máximo expoñente da retórica en lingua galega, pero tamén porque é o último gran discurso que pronunciou Castelao en vida".

Cando se cumpren os 70 anos da súa alocución, o Consello da Cultura Galega recupera a súa significación dun xeito inédito. "A través de sistemas de realidade virtual e recreacións sonoras e visuais, os visitantes poderán vivir unha experiencia e mergullarse na historia de Galicia da man do propio Castelao".

61 FIGURAS. Entre Prisciliano, ao que Castelao chama o "heresiarco decapitado" e o "Gran Don Ramón (Valle-Inclán)" trázase a imaxe visual dunha Santa Compaña, "que dá forma narrativa a unha enumeración de figuras relevantes para a historia do noso país", explica o CCG. Son un total de 61 personalidades e figuras ás que Castelao dotou de gran plasticidade e forza visual.

Nesa nómina de personaxes figuran nomes recoñecidos como Alfredo Brañas, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Diego Xelmírez, xunto con outros menos coñecidos ccomo Benito Vicetto, Alberto García Ferreiro, San Dámaso. "Todos eles foron plasmados por Castelao ao xeito dunha procesión de inmortais ao xeito de santa compaña da mitoloxía popular, cuxo ton se recupera na propia exposición".

Para o CCG, o discurso encerra así mesmo outros valores, xa que o propio Castelao destaca a importancia desas grandes figuras da Historia ao tempo que indica que é no pobo, na tradición, onde reside o pouso da verdadeira identidade da cultura galega.

SEN PAPEIS. Un dos aspectos máis destacados da mostra, para os seus promotores, é a conceptualización, "xa que non se trata dunha exposición de paneis, senón que emprega tecnoloxía avanzada para ofrecer unha experiencia, unha inmersión no universo plástico e simbólico que percorre Castelao no seu discurso".

Para a exposición Alba de Gloria apostouse por converter á igrexa de San Domingos de Bonaval nun espazo que permite coñecer as orixes e os significados do discurso e compartir a emoción dos asistentes á súa primeira lectura en 1948.

A través de interpretacións dramatizadas, dun labirinto coas figuras do discurso a tamaño real, de infografías interactivas e dun sistema de realidade virtual inmersiva, os asistentes mergullaranse nas ideas, nas figuras e no relato da historia galega realizado por Castelao.

Comentarios