Albert Plá e Guadi Galego actuarán o ano que vén no Teatro Principal de Pontevedra

O Concello agrupa a súa programación musical no ciclo Resoan e incorpora dous concertos aos xa coñecidos de Morgan e Mahmood ▶ O Departamento de Cultura prescinde do ciclo As matinés do Principal
O catalán Albert Plá nunha fotografía promocional.
photo_camera O catalán Albert Plá nunha fotografía promocional.

O proxecto do catalán Albert Plá xunto ao guitarrista flamenco Diego Cortés e o novo espectáculo en directo de Guadi Galego, Síntese horizonte, poderanse ver o ano que vén en Pontevedra. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, anunciou este martes que os dous concertos se veñen de incorporar aos xa anunciados da banda Morgan (27 de xaneiro) e do italiano Mahmood (12 de maio). 

Albert Plá actuará o 24 de febreiro no Teatro Principal, Artista transgresor e multidisciplinar, nesta ocasión une o seu talento ao de Cortés para xuntos ofrecer un espectáculo inclasificable. No mesmo espazo tamén actuará o 13 de abril Guadi Galego, que ten previsto dar só tres concertos este ano en Galicia. Un deles é o de Pontevedra. Os dous espectáculos darán comezo ás 20.00 horas e as entradas están á venda en www.ataquilla.com

Asemade, Gómez tamén comunicou que o seu departamento estaba reestruturando a organización de actividades e, neste sentido, decidira eliminar os diferentes ciclos de música que se viñan desenvolvendo e agrupar todos os concertos de pago que promovía o Concello baixo un único lema, Resoan. Este martes foi presentada a imaxe desta nova programación, que foi deseñada por Ovo Publicidade.

O concelleiro confirmou desta maneira que desaparecían como tal tanto Voices como As matinés do Principal, os dous ciclos que promovía en Pontevedra i-Radia Crea. Os concertos do primeiro integraranse directamente en Resoan. Os do segundo, polo momento, non se volverán facer. Segundo explicou Demetrio Gómez, a pesar de non funcionar mal, o feedback que lle chegaba ao departamento municipal de Cultura era de disconformidade e incomodidade co horario: as 12.30 horas. "Seguiremos escoitando o que nos chega por parte do público e seguiremos axustando cousas", anunciou.

O concelleiro tamén avanzou que en breve anunciaría un novo concerto para o mes de marzo.

Comentarios