"O meu refuxio de verán é a casa de meus pais en Lubre"

Alberte Santos: "Quería contar unha historia viva, moderna e actual"

O xornalista presenta a súa primeira novela, 'O rebumbio dos vagalumes’, unha obra sobre a relación de parella e a capacidade de decisión
O xornalista e consultor galego Alberte Santos
photo_camera O xornalista e consultor galego Alberte Santos

O xornalista e consultor de comunicación da prestixiosa empresa Evercom Alberte Santos (A Coruña, 1965) presenta a súa primeira novela, O rebumbio dos vagalumes, que narra a historia de Paula, unha profesora universitaria emparellada cun executivo de banca. Aínda que está moi vinculado á literatura, esta novela, que chegará ás librerías o 23 de setembro, é a primeira experiencia literaria de Alberte Santos.

De onde xurdiu esa idea de pegar o salto do mundo do xornalismo e a consultoría de comunicación ó da literatura?
Xorde da inquedanza por investigar e compartir mundos diferentes ós que tes máis achegados, e supoño que a ficción pode axudar, ou axuda, a que ese descubrimento se decodifique, e dun xeito diferente ó máis funcional e racional que ten o mundo do xornalismo e da consultoría de comunicación.

De onde saca o tempo para escribir unha novela de 250 páxinas un consultor de éxito?
Eu saquei o tempo de moitas noites e do pouco tempo libre que podo ter. Creo que se un se organiza ben, sempre hai tempo para facer o que un quere facer. O importante é ter o pulo de querer facelo e logo a disciplina de poñerse con iso, e sempre se atopa o momento. É complicado, pero hai que saber dispoñer dese tempo para poder dedicarllo e que non sexan anacos curtos senón longos, porque, normalmente, os procesos de escritura e reescritura esixen máis tempo que unha hora.

En que se inspirou para escribir esta novela?
Bueno, non hai unha inspiración singular e única, supoño que hai dúas partes. Por unha banda, o contido da novela e, por outra, o xeito de contala. O contido é froito dunha visión persoal que se vai construíndo no interior das persoas e que, nun momento determinado, pode tomar as decisións de saír fóra dun. Para iso tense que dar un proceso de escritura e de comunicación, neste caso a propia escritura da novela, o xeito de contala. Son moitas as experiencias literarias cheas e satisfactorias que eu vivín que seguramente son resultado tamén de moitas lecturas. Pero quería contar unha historia viva, dinámica, aberta e que falara de algo que fose moderno, que estivese de actualidade.

"Para min o mundo da escritura e o da consultoría de comunicación son compatibles"

Por que decidiu darlle o protagonismo a unha muller, a Paula?
Primeiro porque é o personaxe que encarna parte da problemática que supón tomar decisións na vida, entón creo que a propia historia pedía un personaxe principal que fose feminino. Logo atopei outros que son masculinos e que van conformando o mundo de Paula, de tal xeito que ela é un personaxe que suma dous mundos, un mundo visible e outro invisible. Para o que quería contar precisaba que fose unha muller porque, aínda que non é unha cuestión de xénero, creo que a muller reflicte mellor o que eu quería contar.

As localizacións da novela pasan por lugares tan dispares como Praga, Chicago ou cidades galegas como A Coruña, Santiago ou Vigo. Estes lugares teñen algún significado especial para vostede?
Non, o que pasa é que son emprazamentos que constrúen o perfil e os rasgos dos personaxes porque non son cidades ás que os personaxes cheguen dun xeito espontáneo, é dicir, chegan porque respostan ó emprezamento dos personaxes, como por exemplo a parella de Paula, que é un financeiro de éxito que se move por ámbitos internacionais onde se moven os cartos; as finanzas como poden ser Londres ou Chicago. Praga é un lugar de encontro que non podo revelar porque significaría contar parte da historia (ri), pero é unha cidade histórica, atractiva, que ten un ambiente romántico que é un dos atractivos que teñen esas cidades europeas construídas e ben conservadas. A Coruña, Santiago e Vigo son as cidades galegas que aparecen e onde se conforma, principalmente, o mundo de Paula e a súa parella, e parte do mundo dos outros personaxes que van entrando transversalmente nesa historia. De verdade, non hai, en ningún dos emprazamentos, máis sentimento e emoción que construír e artellar ben a trama da novela.


Con relación a isto, a trama da novela ten moito que ver cos sentimentos e as relacións de parella?
Si, ten que ver coa relación de parella e coa capacidade de decisión. Co que as persoas, máis aló da propia parella, poden chegar a ter, un para construir a súa propia felicidade e, dous, para poder sostela, e as dúas cousas son moi importantes. Cando racha todo iso hai que tomar decisións, e non todas as persoas achéganse a algo tan transcendente como é decidir na súa vida co mesmo nivel de valentía, de capacidade de risco, etc. O mundo da decisión que está arredor de gran parte das cousas que nos acontecen na vida está tamén moi presente na novela.

'O rebumbio dos vagalumes' reflicte o momento actual que vive a sociedade española, a crise?
Quizais nalgún momento de crise a capacidade de decisión debería coller un papel máis activo e relevante, porque a crise é un momento no que as incertezas son tantas que un non sabe se tirar para un lado ou para outro. Nese momento hai que tomar unha decisión e seguramente é o que levaría a tomar unha decisión e empurrar a túa vida, o teu horizonte, cara un sitio ou cara outro. Que acontece na novela? Que hai diferentes personaxes con diferente capacidade de decisión diante dunha crise semellante, de tal xeito que diferentes persoas respostan con capacidades de decisión moi diferentes ante o mesmo asunto.

"Teño a limitación de non contar máis da conta para manter ese misterio de cara á publicación da novela"

Como valora o feito de que unha editorial de tanta sona como Laiovento sexa a que se encargue de publicar a súa primeira obra? 

Laiovento é unha editorial que no 2015 cumpre 25 anos e hai uns meses recibiu o recoñecemento Padrón de Ouro 2015. Eu creo que é unha editorial valerosa dentro do mundo editorial galego, que é difícil, pero conta cunha traxectoria que segue viva e activa e a min tenme conquistado. A verdade é que tanta boa enerxía, a positividade cara Galicia, a valoro moito, e como autor agradézolles a oportunidade de poder publicar con eles.

Terá final aberto?
A historia ten un final. É un final pechado, pechadísimo, pero realmente onde está o final está o principio, para que cada un o recompoña do xeito que considere oportuno.

Que tipo de literatura lle gusta?
Eu, como lector, tendo á literatura que ten que ver co ámbito da psicoloxía, distintos comportamentos que expliquen os pulos humanos para afrontarse ós retos que teñen por diante as persoas. Este tipo de literatura é a que máis me gusta, aínda que tamén estou aberto a outros estilos como a novela histórica, que me encanta. Non teño un xénero literario predilecto, pero si me gusta todo o que ten que ver coa psicoloxía e as persoas. Dous autores que me teñen enganchado son o francés Pierre Michon e o catalán Enrique Vila-Matas. Son dous autores que recentemente me teñen achegado moitas cousas.

Que proxectos lle gustría emprender proximamente?
Seguir escribindo. Estou traballando nunha nova historia á que teño que darlle forma e que non ten unha data fixa, pero gustaríame ir desenvolvéndoa e pensar en traballala a fondo para ver ata onde pode chegar o que sería unha segunda novela.

Entendo que vostede pensa compaxinar o seu traballo en Evercom co de escribir?
Si. Ademais son respostas a unha necesidade e a necesidade tamén profesional de desenvolverme nun mundo da comunicación no que, modestamente, trato de axudar ós clientes e ós proxectos para os que traballamos a que teñan un bo desenvolvemento con profesionalidade e honestidade moral.

Que mensaxe lle quere transmitir ós lectores de O rebumbio dos vagalumes?
Gustaríame que os lectores que se acheguen á novela atopen tempo para darlle unha voltiña ó que acontece ó seu arredor e dentro deles e que pasen un tempo agradable, porque é unha novela con moito ritmo, viva e actual.

Comentarios