''Lo que se hace con el gallego es como llegar a la Xunta y querer derribar la Catedral para hacer un Carrefour''

Alberto Ramos (Santiago de Compostela, 1986) é xornalista e escritor, ou autor como el mesmo prefire definirse. Este mércores ás 20:00 horas presenta na Librería Couceiro a súa segunda novela, Con acuse de recibo. Trátase dunha historia de intriga pero sen detectives na que un home tenta averiguar as circunstancias que envolveron o suicidio do seu irmán. A obra publícase baixo o selo da Editorial Biblos e con ela gañou un premio de novela por entregas outorgado por un periódico coruñés. Non é a primeira vez que sae vencedor neste tipo de certames, pois a súa primeira obra, Dor pantasma, viu a luz no ano 2006 tras gañar o Premio Biblos. O autor cóntanos as súas filias e fobias literarias e non morde a lingua á hora de opinar sobre cuestións polémicas.

Pregunta:
A súa segunda novela é unha historia de intriga pero sen detectives. É difícil atopar novelas deste tipo nas que a xente non ten un Philip Marlowe ou un Pepe Carvalho co que identificarse...

Resposta:
Cando escribín a historia quería evitar por completo meter algún personaxe desa calaña. Na miña primeira novela xa tiña un detective prototipo de amargado, destes que están de volta de todo e teñen ganas de morrer. Quíxeno evitar e fixen unha historia de familia rota. Dous irmáns deixan de falarse, o pequeno suicídase e o maior é quen ten que pescudar por qué morreu para darlle un peche á súa propia historia de disputa familiar. Polo tanto é unha historia de intriga, de certa profundidade sentimental, pero non de detectives.

P: É a segunda novela que publica. Esta é de intriga e a primeira, Dor pantasma, era unha novela na que había un detective, o inspector Gronchal, pero ademais desa investigación tamén se falaba de sentimentos. Con acuse de recibo vai pola mesma senda?

R: Teñen cousas en común. Aparece a figura do protagonista ausente. Na miña primeira novela a protagonista non saía na obra e pasa o mesmo co desta. Mergúllase nos sentimentos, como en Dor pantasma, nos do inspector, que era unha bomba de reloxería. Con acuse de recibo fala de sentimentos pero eu considero que é moito máis madura porque pasaron anos dende a outra, que é máis xuvenil. Algún membro do xurado dixo que imaxinaba a unha persoa de corenta e pico anos escribindo esta novela cando a lía, e non a un rapaz de vinte e poucos.

P:
Ten algún xénero predilecto, tanto á hora de ler, como de escribir?

R: Á hora de ler non. Cando escribo métome máis na intriga e en deixar interrogantes polo camiño para que o lector vaia descubríndoos por si mesmo. Os libros non se pechan cando un lles pon o punto final ou os manda á editorial, senón que morren cando non teñen lectores. Cada vez que alguén volve coller un libro volve escribir a historia para si mesmo, coa súa imaxinación, coas súas teimas e coa súa forma de velo. A escritura do libro faise na lectura, o demais é un mecanismo.

Os premios
P: Con esta obra gañou o seu segundo premio de novela despois do Biblos. Estase acostumando a vencer neste tipo de certames?

R: Nin moito menos. Aquí xoga moito o papel da sorte, de estar no momento indicado. Se cadra busco isto dos premios porque me garante non ter que mergullarme no mundo editorial, que é unha cousa que me dá moito respecto, moito medo e moita preguiza. Eu mando unha historia no meu máximo anonimato e se gaño, gañei e se perdo, non o sabe nin Dios. É coma cando intento deixar de fumar; nunca digo nada porque cando contas que vas facer algo e fracasas, logo hai que dar explicacións.

É un mecanismo para esquivar a engranaxe e tamén o emprego por covardía. Es un pseudónimo, un sobre pechado que se abre e gañas; e se non se abre, destrúese. Con isto tampouco quero dicir que participara en moitos outros premios e que os perdera todos (ri).

P:
O xurado destacou a ''alta calidade e a habelencia para expandir o xénero máis alá dos tópicos''. Buscaba iso ou conseguiuno sen máis?

R:
Cando sae un acta dun xurado e les as palabras bonitas que poñen, dis: Pero que carallo queren dicir! Neste caso creo que estiveron acertados dicindo que escapaba dos lindes do xénero, aínda que estas son cousas moi grandes e eu son moi pequeno. Tentei non meterme nos tópicos do detective borracho coa súa gabardina a lamparóns. Hai cousas propias da novela negra, pero non creo que vaia máis alá do xénero, simplemente procuro esquivar os tópicos.

Isto cobra máis importancia nun premio de novela por entregas porque son fragmentos moi breves e tes que captar a atención do lector durante tódolos días dun mes. Para iso empregas a intriga e, cando o fas, tes a tentación de poñer un 'poli'. Iso non o quixen, arrisquei un pouco e parece que gustou.

P: Tamén destacaban que non é a típica novela lixeira para o verán, que foi a época na que saíu publicada por entregas. Cre que os lectores prefiren un tipo de novela segundo a época do ano?

R: No verán co sol, o calor e todo iso, moitas veces tes poucas ganas de ler. A lectura lixeira pode ser máis fácil para a época estival pero, por outra banda, é o momento no que se ten máis tempo libre. Hai grandes lectores que durante o ano len menos e no verán devoran libros. Con acuse de recibo é triste e nostálxica, máis propia do mes de defuntos que do pleno verán.

Autor precoz
P:
Aos 24 anos xa conta con certa presenza no mercado editorial galego. Pensa nunha carreira literaria ou disto nunca se pode falar só con dúas novelas?

R: A miña presenza é de convidado de pedra porque eu non me sinto escritor; se cadra autor porque escritor é unha palabra de moita responsabilidade que, se ma pos enriba, aplástame. Os escritores son os 'mendezferrines' ou os 'uxionovoneyras', xente cunha bagaxe tremenda e con moitas cousas que dicir. Facendo esta entrevista síntome un fraude e un usurpador porque estou en idade de adquirir coñecementos, de escoitar e non de falar.

P: Non é frecuente atopar autores novos con este nivel de produción. Aos mozos interésalles pouco a literatura ou teñen poucas oportunidades?

R: Hai oportunidades, o premio Biblos é unha moi boa, por exemplo. Se non fora por el, non creo que estiveramos aquí falando disto. Por outro lado, é un campo arduo e poñerse coa folla en branco diante dá medo a calquera. Hai un traballo de constancia que non tes en certas idades porque estás explorando e descubrindo moitas cousas.

Ao lado das oportunidades tamén hai desinterese, pero non acepto o que se di sempre da loita xeracional, o que din sempre os pais: ''Esta mocidade non se interesa por nada''. Eu penso que a mocidade interésase por moitas cousas pero non son as mesmas que lle interesaron á xeración anterior, que tamén tivo que lidiar por iso coa anterior. Creo que isto se dá por nostalxia dos tempos pasados e que a nós pasaranos tamén cos nosos fillos.

Falar dun mesmo
P: En Dor pantasma había referencias ao seu propio entorno, como a Facultade de Xornalismo ou a cidade de Vigo, onde vostede ten familia. Podemos atopar algo diso en Con acuse de recibo?

R: Hai moito de min mesmo porque son dos que penso que alguén que conta unha historia sempre bebe da realidade máis próxima. Cando se fai calquera tipo de creación hai un grao de exhibicionismo do persoal impúdico e móstrase máis que en calquera conversa ou nunha confesión a un amigo íntimo. Tódolos personaxes teñen algo de min, dende o irmán maior ata o suicida --con isto non quero dicir que me vaia suicidar (ri)--. Aínda así é moito máis distante que a novela anterior. Está escrita dende unha distancia maior, que tamén pode ser por madurez. Non é a historia da miña vida; pódese recoñecer algo de min pero ten moita máis ficción.

P:
O feito de ser xornalista animouno a escribir ou o gusto por escribir animouno a ser xornalista? Como inflúe unha cousa na outra?

R: Eu estou no xornalismo por derroteiros absurdos da miña vida porque ía para historiador e mestre de escola e sería moi feliz. No xornalismo son feliz por momentos pero outras veces danme ganas de tiralo todo e marchar para a casa, como lle ocorre a calquera no seu traballo. Eu escribía e o do xornalismo xurdiu despois. Non creo nas vocacións, o que non quere dicir que non me parta os cornos.

Son dúas canles moi semellantes porque os autores beben do xornalismo e os xornalistas da literatura. Os dous son lectores, porque de aí é de onde nace todo. Hai moito xornalista que de maior quere ser escritor e viceversa. Son cousas relacionadas pero diferentes e creo que hai que separalas. Atopamos moita literatura nos xornais e moito xornalismo nos libros. A relaidade é unha fonte de inspiración moi grande e, máis ou menos deformada, está nos xornais.

Arredor do idioma
P: O libro edítase só en galego. Tendo en conta certos discursos que se escoitan ultimamente sobre o idioma, ten medo de que o acusen de querer impoñer a lectura da súa novela en galego?

R: O de impoñer ou deixar de impoñer paréceme unha acusación moi grave por calquera dos bandos. As linguas non crean problemas e esta guerra que se vive co galego paréceme absurda. O que estamos vendo é unha maneira de cargarse o patrimonio e o esforzo de moito tempo. O que se está facendo coa lingua é como chegar á Xunta e querer derrubar a Catedral de Santiago para facer un Carrefour. Parécenos unha barbaridade e co galego faise exactamente o mesmo: crear problemas onde non os hai, destruír o construído durante anos e empobrecer a riqueza do patrimonio.

Con isto non quero dicir que se deba impoñer unha lingua sobre outra porque a liberdade existe para falar e entendernos. Os problemas non veñen polas linguas, senón pola xente. As linguas están aí para facilitarnos as cousas e son unha riqueza e un instrumento precioso para calquera de nós. Por iso non debe empregarse como arma arroxadiza, nin por un lado, nin polo outro, nin todo o contrario.

P: Cre que a literatura galega goza de boa saúde? Que demandaría para mellorar a situación?

R: Á literatura galega pásalle o mesmo que a todas: fan falla lectores. Dende a miña humilde opinión considero que hai moi bo material e grandes autores. Temos unha riqueza moi grande que se pode empregar en calquera dos casos e das situacións. Algún día gustaríame poder dicir que algún libro meu é dos bos que se poden atopar nunha librería.

Comentarios