Álex Alonso: "Este libro é froito da indignación"

Para este escritor estes son tempos de bebidas isotónicas e fast-food. Arredor desa idea, este vigués escribiu 30 relatos escuros, sobre a violencia sexual, física e intelectual que, segundo di, marca a contemporaneidade. Con eles gañou o premio Ánxel Fole de narrativa curta
Álex Alonso co seu libro diante do edificio da Audiencia Provincial, onde traballa como tradutor
photo_camera Álex Alonso co seu libro diante do edificio da Audiencia Provincial, onde traballa como tradutor

Leva tres anos traballando na Audiencia Provincial de Pontevedra. "Fundamentalmente o que facemos é de correctores ou asesores lingüísticos cos dous maxistrados que empregan o galego, que son Xoán Xosé Barreiro e Miguel Aramburu, pero despois estamos para o que faga falla, dende traducir a facer de intérprete", explica. Licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica, Álex Alonso (Vigo, 1968) recibiu unha mención en 2003 no certame Manuel Murguía por ‘Estremonías’ e gañou o Matilde Bares en 2010 por ‘Xénero imperfecto’. O último galardón que incorporou ao seu currículo é o Ánxel Fole de narrativa curta por ‘Tempos de bebidas isotónicas e fast-food’, o libro que presenta este xoves na Feira do Libro (19.00 horas, Praza da Ferraría).

Son tempos de bebidas isotónicas e fast food? Iso non era máis dos 80 e dos 90? Hoxe non son máis ben tempos de WhatsApp?
Pois eu creo que si que son. O primeiro que fixen con este libro foi buscarlle un título. Quería que chamase a atención, por un lado, e que respondese a unha rabiosa actualidade, que diriades os xornalistas, por outro. De calquera maneira, nos relatos están moi presentes as novas tecnoloxías.


Cando o premiaron co Ánxel Fole, Manuel Bragado, membro do xurado e finalmente editor do libro, destacaba entre as características dos relatos a súa "credibilidade". Mesmo inclúe noticias de Diario de Pontevedra e Faro de Vigo nos textos. Son noticias reais?
Non, non son noticias reais. Pero si que é verdade que a idea de cada unha das historias saíu da lectura diaria dos xornais. Este libro nace dun estado de ánimo concreto, é froito da indignación que me produciu o uso da crise económica como coartada para o tema das preferentes, a precariedade, o paro... Os primeiros relatos saíron así, case como un desafogo. O que quedou ao final foi como unha radiografía da sociedade actual.


Hai algunhas ficcións claramente inspiradas en acontecementos reais como o caso das preferentes, pero hai outras máis dubidosas como, por exemplo, a que narra unha agresión racista nun Vitrasa. Iso aconteceu?
Non. É un deses casos inspirados en novas do xornal que eu despois acheguei á nosa realidade. O relato do Vitrasa, que é o último que fixen, escribino porque tiña 29 e quería pechar a serie. Lin entón unha nova sobre unha agresión deste tipo no metro ou no autobús, non lembro, feita con toda impunidade, diante de xente que non fixo nada, e decidín trasladala ao Vitrasa, porque todos os que o utilizamos moito sabemos que alí, cada día, é unha película. Fíxate que despois foi o relato que máis lle gustou ao editor.

"Estou encantado de que a editorial resalte o humor dos relatos, pero eu ben sei que este é un libro duro, que deixa mal corpo"

É un dos que destaca na lapela.
E o que elixiu para a portada.

Outra cousa que destacou Bragado como xurado, e posteriormente a editorial Xerais, é o humor e a retranca da obra. Pero realmente o seu é un libro moi pouco divertido.
Sabía que mo ías dicir. É certo. Véñenmo comentado os lectores, que se senten un pouco desorientados despois de ler esas indicacións da editorial. 

O humor está presente nalgún dos relatos, pero na maioría vostede realiza unha viaxe ao máis sórdido da alma humana. Fálase de pederastia, abusos sexuais, violacións, violencia de distinto tipo, agresións, asasinatos, corrupción...
Todo o que dis é verdade. Eu son o primeiro ao que chamou a atención que o xurado quedase con iso. Sabía perfectamente o que escribira e era consciente de que moitos dos relatos eran incluso bastante duros. Estou encantado de que quedara ese pouso do humor, esa lectura acedamente divertida, que di Bragado, pero son consciente de que igual non se axusta ao libro que, en xeral, pode deixar máis mal corpo que outra cousa. Mesmo a min, que o escribín.

Esa é a radiografía que fai vostede da Galicia actual? Así de escura?
Non, claro que non. Pero cando fas ficción sempre vas ao extremo. A literatura sae de aí. Mira o xénero negro, baséase fundamentalmente no máis truculento do que é capaz o ser humano.

Quen sae peor parado neste libro: os políticos de dereitas, os medios ou a Igrexa Católica?
Os medios? Os xornalistas creo que para nada saen mal parados.

Algún pau si que dá: fala de medios comprados polo poder, de xornalistas que cheiran o sangue... etc.
Pero que va! Non foi a miña intención para nada. De feito, a min teríame gustado moito ser xornalista, non che digo máis. Sobre os políticos, iso xa é outra cousa. Cando un remata o libro, penso que queda claro por onde vai a cousa ideoloxicamente. Non o nego. E sobre a Igrexa, se che son sincero, penso que non fun tan duro como realmente puiden ser. Porque estamos falando de comportamentos desprezables e de situacións que realmente a min me indignan como persoa.

"Adícolle un texto a Antom Santos [Resistencia Galega] para que reflexionemos sobre a desproporción das cousas"

Xoga coa complicidade co lector nalgúns dos relatos á hora de dar nomes. Glory Lake é unha referencia clara á presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago. Pero tiña a alguén concreto na cabeza cando fala de Alberto ou de Alfonso?

Si, home, si. Claro. Non fai falla nin comentalo, non me vaian demandar (ri). É evidente que busco unha complicidade nesa broma co lector. Isto, á fin e ao cabo, é unha ficción, a través da que propoño unha reflexión, pero unha ficción. Busco ser punzante e búscoo un pouco a propósito, claro.

Outro nome propio que aparece é o de Antom Santos, un membro de Resistencia Galega que foi condenado pola Audiencia Nacional a dez anos de prisión por delitos de terrorismo e ao que vostede lle adica un dos relatos. Non concorda con aquela sentenza?
A ver, non é iso exactamente. O que pasa é que eu coñezo a Antom Santos persoalmente. Coñecino en Lugo, na Escola Oficial de Idiomas, e trateino durante dous anos. Nunca falamos nin media palabra de política. Para min foi toda unha sorpresa cando apareceu no medio de toda aquela lea. Era un rapaz absolutamente normal. Por que lle adico o relato? Pois porque me apetecía propoñer unha reflexión sobre a desproporción das cousas. Ata onde eu sei Antom Santos non fixo nada. Quero dicir non ten ningún delito de sangue, nin fixo dano a ninguén... Sei que isto que digo será rebatido por moita xente ao estar condenado por terrorismo. Pero eu no que reparo é en que despois atopas outros casos de xente que si que fixo moito dano e que mesmo asasinou a alguén é é tratado con condescendencia. Mentres, el segue preso. Apetéceme que lle chegue o libro e que o lea.

Comentarios