martes. 15.10.2019 |
El tiempo
martes. 15.10.2019
El tiempo

Álex Mene: "A palabra está na orixe de todo"

Álex Mene (Vigo, 1969), co seu libro en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Álex Mene (Vigo, 1969), co seu libro en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Unha nena chamada Indómita vén de confirmar ó mestre, fotógrafo e escritor Álex Mene como un novo (e premiado) autor de literatura galega

Fotógrafo, mestre nun Bacharelato Artístico e autor de contos.
Son un autor que se moveu en distintos terreos da creación, pero que ultimamente se achegou máis á palabra. Quizais é que me estou facendo maior. Ou quizais ten que ver con que a palabra é, en realidade, a orixe de todo.

É curioso que un licenciado en Belas Artes, para ilustrar os seus dous libros, tanto no caso do álbum A raíña das tortas (Verdemar, Alvarellos, 2018) como no de Indómita e a semente da inmortalidade (Bululú, 2019), recorra a outras persoas.
Algunha vez valorei presentar un proxecto xa completo, non creas. No último caso, o de Indómita, veu imposto pola editorial que o deseño e as ilustracións corresen a cargo de Ana Boquete. E no caso de A raíña das tortas naceu como un proxecto colaborativo cunha amiga, Blanca Crespán. É máis divertido traballar con outra persoa. Pásalo moito mellor. De feito, Blanca e eu estamos preparando outro álbum ilustrado xuntos para repetir a experiencia.

A súa protagonista levaríase moi ben con Pippi Mediaslongas.
Exactamente. A anécdota que contei en A raíña das tortas é unha experiencia persoal. Pasoume en Canadá, mentres traballaba alí nun intercambio de profesores. Nese álbum está a que eu considero que é unha liña de aprendizaxe básica, a que se realiza a través do erro. Normalmente, cando te equivocas, o que gañas é unha bronca. Eu penso todo o contrario, que non hai nada mellor para aprender que equivocarse primeiro. E, sobre todo, enfrontarse a iso, ao erro, con humor. No caso de Indómita, é un libro que pode ser lido perfectamente por un neno ou unha nena, pero tamén por un adulto. E este último fará unha lectura distinta porque é unha obra chea de referencias. Aí están dende Pippi Mediaslongas, á que hai unha especie de homenaxe, ata O corazón das tebras, de Joseph Conrad, pasando polas novelas de Agustín Fernández Paz ou Far North, de Sam Shepard. Hai un montón de intertextualidade: Ánxel Fole, Jack London, Pío Baroja... Algunhas referencias son moi evidentes. Outras menos. Fíxate, cando escribín Indómita, aínda que é unha nena, pensaba máis ben nun personaxe sen xénero. Como o Orlando, de Virginia Woolf. Non sei se se nota, pero eu tíñao na cabeza. Tamén me interesaba moito propoñer unha reflexión sobre o silencio e o que significa. Se algo non se nomea, non existe? E sobre as fake news. Ao comezo, fálase dunha aldea sen nome, na que se supón que habitan vampiros e lobos... E cando accedes finalmente a ela, ves que non ten nada que ver. Tamén me gustaba moito meter esa lección sobre as apariencias. Como se pode chegar a construír algo totalmente irreal en base ao descoñecemento. E unha última cousa importante é o humor como eixe vertebrador da vida, como rirnos de nós mesmos e dos demais é o que nos mantén dalgún xeito vivos. A maior parte das veces, as cousas non son como son, senón como ti as tomas.

O humor é un eixe vertbrador da vida. A maior parte das veces, as cousas non son como son, senón como ti as tomas

O seu é un conto con varias moralexas.
(Ri) Si, hai varias. Incluso moitas que atopan os lectores nas que eu non reparara. Interesábame moito reflexionar sobre a mortalidade e o paso do tempo, como enfrontalo. E o tema do ben común, como un sabe perfectamente cando está facendo algo ben ou algo mal. E a importancia da solidariedade e da sociedade do coidado, cuxo fomento reivindican algúns filósofos como contraposición ao machismo, ao odio e ás desigualdades. Evidentemente, o libro ten tamén unha mensaxe ecoloxista e de comuñón coa natureza moi clara. Todo iso está aí: a mensaxe ecoloxista, a mensaxe solidaria, a importancia do respecto...

Pero non hai só referencias para adultos, tamén incluíu referencias a contos clásicos como O frautista de Hamelin ou A bela durminte para os propios nenos.
Claro! Para min, todas as historias tecen unha rede e acaban cruzándose nalgún momento. En definitiva, eu son todo o que lin, todo o que vin, todo o que escoitei. Non podo evitalo. Efectivamente isto é un xogo intertextual que eu fago do que gozo enormemente. Aí están, por exemplo, dúas referencias moi importantes a Italo Calvino: unha a Se unha noite de inverno un viaxeiro e a outra a O barón rampante. Penso que todo isto vai formar parte sempre do meu estilo, que agromen referencias literarias ou cinematográficas dalgunha maneira...

Aquí hai unha cinematográfica evidentísima a Os paxaros, de Alfred Hitchcock.
Si, claro. Pero hai máis! Paréceme moi bonito isto de xogar a compartir referencias comúns. Se ti non a tes, non pasa nada. Les a historia igual. E, se a tes, recoñecela e entras no xogo.

Foi para vostede importante recibir con Indómita o I Premio de LIX Muíño do Vento?
Para min foi importantísimo. Esta asociación do Ferrol fai un traballo incrible no barrio de Canido: teñen talleres de teatro, clases de educación física, contribúen ao soporte alimentario de veciños en risco de exclusión, fan presentacións culturais... No medio de todo isto inventaron este premio, que conta co apoio do escritor Antonio Yáñez. Cando escribes, moitas veces dubidas de se iso que fas vale, se ten unha calidade mínima. Que che dean un premio tan bonito como este, dáche confianza. Estou moi agradecido tanto a Alvarellos, que foi a editorial que apostou por A raíña das tortas, como ao certame de Muíño do Vento, que premiou Indómita.

Álex Mene: "A palabra está na orixe de todo"
Comentarios