Alexander Vórtice: "Todo verso é trincheira"

Presenta 'Diagnóstico interior', un "poemario antisistema" que se construíu latexo a latexo

Dedica o seu último poemario aos solitarios e aos defraudados co paso do tempo. Alexander Vórtice (Pontevedra, 1979) —Jesús Rodríguez, segundo pon o seu Documento Nacional de Identidade— publica o que é seu quinto título en castelán, Diagnóstico interior (Discursivo, 2021), un traballo que confesa que naceu tras un problema cardiovascular. Os xornalistas Luis Boullosa e Ana López acompañárono este venres na presentación no Espazo Nemonon. 

Alexander Vórtice. CEDIDA2Son os seus versos máis recentes os que reuniu neste poemario? 
É máis ben un conxunto de poemas de hai cinco ou seis anos. Foi un proxecto nacido a partir dun pequeno incidente cardiovascular que tiven. Por iso é que dividín o texto, en vez de en capítulos ou partes, en latexos. A temática é social. E crítica cun mesmo e coa sociedade. Este libro foi tamén unha maneira de sobrevivir grazas ás letras. 

"Poemario antisistema". Así é como o define. 
Exactamente. Todo verso é trincheira. A literatura ten que ser iso. Eu afástome bastante desa poesía de "buenos días, princesa". O que doe é máis poesía que o que te fai feliz. Pero isto non é que o diga eu, é que a literatura non se construíu sobre temas felices. Porque o que provoca a literatura é unha catarse. O escritor ten que ser así, comprometido coa sociedade e bastante antisistema, pero non no mal sentido, senón no sentido de querer cambiar as cousas para mellor. 

Non se volve un máis conservador co paso do tempo? 
No meu caso non. A verdade é que ás veces non me recoñezo. Estaba moito máis tranquilo neste sentido hai uns anos. Agora teño 42 e, se chego aos 50, creo que vou ser basicamente un anarquista. Ao contrario do que dis, eu penso que cos anos un debe aumentar o seu compromiso coa sociedade e coas ideas que aspiran a cambiar as cousas para ben. Usar as letras é un xeito de facelo, tanto escribindo artigos, como poemas ou unha novela. Tamén na arte: coa escultura ou coa pintura. 

Existe unha soidade mala da que non se fala. Vivimos unha época na que vale máis a estética que a ética e pasamos todo o día mirando para unha pantalla, sen roce de pel

Dedicoulle a obra aos solitarios e aos defraudados co paso tempo. É vostede un deles?
 A min gústame a soidade. Agradézoa as máis das veces. Prefiro os gatos ás persoas. Son fillo único. Igual a cousa vén por aí, non sei. De calquera maneira, cada vez hai máis xente soa. Pero soa de verdade. Se non me equivoco, en España hai unha media de dez suicidios diarios. Eu pregúntome por que. Quizais exista unha soidade mala da que non se fala. Vivimos unha época na que vale máis a estética que a ética e pasamos todo o día mirando para unha pantalla, sen roce de pel. Penso que todo isto provoca que a xente acabe defraudada consigo mesma. 

A pandemia tamén obrigou a illarse uns dos outros. Como levou vostede o confinamento? 
Eu leveino moi ben. Axudoume a acabar este libro, a diagnosticarme a min mesmo e a convencerme de que podiamos traballar por unha sociedade mellor e máis poética. 

Leva cinco títulos en castelán e catro en galego. Como valora a súa evolución como poeta? 
Penso que tiña que ter tecleado un pouco máis. A min poder escribir salvoume a vida. Case literalmente. O Alexander de 20 e tantos anos era moi tímido e a escritura axudoulle moito a tirar para adiante. Agora son moito menos cohibido e gañei en paciencia. Foi unha virtude que gañei cos anos: a paciencia. Se tivese enfronte a quen fun hai 20 anos só lle diría iso: que lle dese máis duro á máquina.

Comentarios